A Xunta licita a renovación dos equipamentos de radioloxía de varios centros sanitarios por 1,2 millóns de euros

O presuposto total é de 1.260.215 euros, cun prazo máximo de entrega de 45 días naturais
Por o 20/10/2017 | Sección: Sanidad
A Xunta licita a renovación dos equipamentos de radioloxía de varios centros sanitarios por 1,2 millóns de euros
Compartir en:

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se anuncia a licitación para a subministración de equipamento electromédico de radioloxía con destino a diversos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde. Na EOXI da Coruña os destinatarios dos novos equipamentos serían os centros de saúde do Ventorrillo e Ponteceso e radioloxía Abente e Lago. Na EOXI de Santiago, os centros de saúde de Lalín, A Estrada, Arzúa e Noia. Na EOXI Lugo, Cervo e Monforte de Lemos, o centros de saúde de Viveiro e Vilalba. Na EOXI Pontevedra e O Salnés, o centro de saúde de Sanxenxo e na EOXI de Vigo, os centros de saúde de Cangas e Redondela e radioloxía do Meixoeiro.

A licitación recolle 4 lotes de subministración. O primeiro deles vai dirixido a renovación dunha sala de raios x dixital directa para o que se subministrará un sistema radiográfico dixital consistente en xerador, tubo de raios X con soporte de teito, mesa de paciente, bucky mural, sistema de detección dixital mediante panel plano e consola de control e adquisición.

O segundo vai servir para dotar a 10 centros de saúde cun novo sistema radiográfico analóxico consistente en xerador, tubo de raios x con soporte de chan, mesa de paciente con portachasis para a detección dixital indirecta a través de radiografía computerizada e consola de control e adquisición.

O terceiro dos lotes vai subministrar o equipamiento necesario para a conversión dunha sala de RX analóxica en dixital directa. O cuarto proverá dunha mesa de biopsia para exterotaxia dixital prona de mama.

Esta licitación conta cun presuposto total é de 1.260.215 euros.. A data límite de presentación das ofertas é o día 6 de novembro antes das 14.00 horas. O adxudicatario terá un prazo máximo de entrega de 45 días naturais dende a formalización do contrato.

Na páxina do Servizo Galego de Saúde http://www.sergas.es/ pódese obter información relativa á convocatoria. Tamén se publicará nesta páxina a data, hora e lugar de celebración das mesas de apertura pública dos sobres.