A Xunta oferta 183 cursos de formación para persoas desempregadas na área territorial de Vigo

O delegado, Ignacio López-Chaves, informou hoxe do plan AFD da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que inviste na comarca máis de 8,6 millóns
Por o 19/12/2017 | Sección: Emprego,Formación,Xunta de Galicia
A Xunta oferta 183 cursos de formación para persoas desempregadas na área territorial de Vigo

A Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, subvenciona nos concellos da área territorial de Vigo un total de 183 cursos formativos no marco do plan AFD (accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas) dos que se beneficiarán 2.745 veciños e veciñas da comarca. Así o explicou hoxe o delegado territorial, Ignacio López-Chaves, quen destacou que o obxectivo do Goberno galego é baixar dos dous díxitos a taxa de desemprego no horizonte do 2020.

O representante do Goberno galego informou de que nestes cursos invístense máis de 8,6 millóns de euros dos 14,4 que se reparte toda a provincia de Pontevedra. De modo que os concellos da área territorial de Vigo absorben preto do 60% do programa a nivel provincial, tal e como acentuou López-Chaves. 

As accións formativas, sufragadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, están organizadas por concellos, empresas, organizacións empresariais e diversas entidades sociais e enfócanse a incrementar as posibilidades dos beneficiarios de incorporarsenovamente ó mercado laboral. 

Concretamente, na comarca de Vigo están programados 183 cursos, 25 dos cales están organizados polos concellos (Cangas, Moaña, Mos, Nigrán, O Porriño, Salceda de Caselas e Soutomaior) e 158 organizados por empresas e diversas entidades sociais. Neste senso, o delegado territorial non pasou por alto a “implicación dos axentes sociais, tanto das organizacións empresariais como das entidades sociais”. 

Tras destacar que a finalidade desta convocatoria de subvencións non é outra que a de contribuír a “reorientar a traxectoria profesional das persoas en situación de desemprego”, López-Chaves lamentou a falta de interese demostrada polo Concello de Vigo que, segundo dixo, non se presentou. Así xustificou que na relación de concellos non figure o de Vigo entre os que contan con cursos formativos. Porén, valorou a concorrencia de numerosos actores que axudan a programar unha oferta local, axustada ás circunstancias do municipio e, en consecuencia, máis próxima as necesidades reais das empresas.

Ao fío, o delegado territorial salientou que o Concello de Vigo non se presenta ao 80 por cento das subvencións convocadas pola Xunta e atribuíu a perda destas axudas á “falla de xestión do Goberno local”. Así mesmo, valorou que o que demostra esta deixadez é “unha clara insensibilidade social”, por canto moitas das subvencións ás que rexeita presentarse están dirixidas a colectivos de especial vulnerabilidade”. “Se Vigo non recibe máis subvencións é porque non as solicita”, subliñou o representante do Goberno galego na cidade, ao tempo que afirmou que “non lle interesa”. Destacou así que, no caso concreto do plan de actividades formativas dirixidas a desempregados, concellos máis pequenos como o de Moaña, Cangas ou Mos “fixérono en tempo e forma”.

Novidades do plan AFD

As axudas dirixidas a empresas, concellos e entidades sen ánimo de lucro inclúen novidades con respecto a anos anteriores. En primeiro termo, a convocatoria é por primeira vez bianual (2017-2018) e esta característica posibilita a realización de accións formativas máis complexas e cun maior período de duración. A extensión do período de execución das accións formativas ao longo de dous exercicios orzamentarios achega ás entidades unha maior flexibilidade para a súa programación e permite excluír os períodos estivais e outros cunha alta porcentaxe de contratacións temporais nos que as persoas desempregadas teñen máis dificultades para asistir ás accións formativas. Tamén se establece unha reserva de crédito para solicitudes de financiamento para accións formativas en competencias clave, para facilitar o acceso á formación en certificados de profesionalidade a aquelas persoas sen estudos básicos.

Teñen preferencia para a participación nos cursos os seguintes colectivos de persoas desempregadas: mulleres (especialmente vítimas de violencia de xénero), parados de longa duración, menores de 30 anos, persoas con discapacidade, persoas que teñan subscrito e vixente un itinerario personalizado de inserción, en risco de exclusión social, persoas con baixa cualificación e aquelas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen acreditacións parciais. Permítese tamén a participación de ata un 25% de persoas traballadoras ocupadas a condición de que as prazas non se cubran por desempregados.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.