A Xunta participa en distintas actividades da comunidade galega en Bos Aires

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu á gravación dun disco conmemorativo do evento Bos Aires celebra Galicia, que se celebra desde 2014.
Publicado por o día 26/10/2016 na sección de Cultura,Xunta de Galicia

A Xunta participa en distintas actividades da comunidade galega en Bos Aires

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou onte en Bos Aires en varios actos da comunidade galega en Arxentina, renovando o compromiso do Goberno galego coa colectividade no exterior.

No marco da viaxe institucional que o vicepresidente da Xunta está a realizar estes días por Uruguai e Arxentina, Rueda asistiu aos traballos de gravación do disco “Bos Aires celebra Galicia”, que a colectividade galega desenvolve estes días na capital bonaerense.

Hai que ter en conta que se trata da primeira vez que a colectividade galega fai un disco conxunto, con 16 temas tradicionais galegos, produto do traballo de Bos Aires Celebra Galicia, evento que se celebra dende 2014 na capital arxentina.

Por outra banda, e tamén durante a xornada de onte, o vicepresidente visitou a exposición de fotografía José Suárez. Unos ojos vivos que piensan, inaugurada a pasada semana no Centro Cultural Borges de Bos Aires e que estará aberta ata o vindeiro 9 de novembro.

A exposición, organizada pola Cidade da Cultura de Galicia, Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires e a Embaixada de España na Arxentina, constitúe a maior mostra realizada ata o momento sobre este fotógrafo de Allariz, considerado un dos grandes nomes da fotografía do século XX.

Esta mostra botou a andar en novembro de 2015 na Cidade da Cultura de Galicia onde estivo ata o mes de marzo deste ano. Co obxectivo de estender o coñecemento da obra de José Suárez fóra de Galicia, precisamente naquelas países onde viviu, a exposición concibiuse como itinerante. Precisamente, o primeiro destino é Arxentina, previamente xa estivo tamén no Instituto Cervantes, en Madrid.

Comisariada por Xosé Luis Suárez Canal e Manuel Sendón, a mostra conta cun total de 206 fotografías e, a diferenza doutras exposicións realizadas antes, exhibe tamén 150 obxectos persoais. Deste xeito, o visitante poderá comprender mellor a evolución creativa de José Suárez, achegándose á apaixonante biografía deste fotógrafo no seus viaxes por Arxentina, Uruguai, Chile ou Xapón e aos seus encontros con personaxes tan relevantes, como o cineasta Kurosawa.