A Xunta pecha o Plan estratéxico de xuventude con 250 medidas executadas en prol da mocidade

A administración autonómica investiu 126,5 millóns de euros no desenvolvemento de programas contemplados neste Plan, o que representa máis do 100% de execución orzamentaria no 2016
Publicado por o día 09/12/2017 na sección de Educación,Xunta de Galicia

A Xunta pecha o Plan estratéxico de xuventude con 250 medidas executadas en prol da mocidade

A Consellería de Política Social acadou un grao de execución do Plan estratéxico de xuventude de Galicia 2014-2016 nesta última anualidade do 87%. Así se desprende do informe elaborado dende a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e no que tamén se pon de relevo que o número de medidas executadas en foi de 250, 17 medidas máis que as inicialmente previstas para a anualidade.

O seguimento realizado polo departamento autonómico dá conta do grao de desenvolvemento das medidas que teñen como beneficiarios aos mozos e mozas galegos e do orzamento executado, amosando o esforzo que se está a realizar desde a administración autonómica para mellorar as oportunidades da xuventude e permitirlles demostrar todo o potencial que atesouran. Así e no que respecta ao orzamento, a administración autonómica investiu 126,5 millóns de euros en programas e medidas a través do Plan estratéxico, o que representa máis do 100% da execución orzamentaria, 10 millóns máis que no ano 2015, no que se executaron 116.143.496,33 €.

Cómpre destacar que máis do 62% do investimento realizado destinouse a medidas vinculadas ao emprego e ao emprendemento e que durante o 2016 practicáronse 11.927 deducións fiscais aos mozos e mozas, o que supón unha rebaixa nos seus impostos de máis de 14 millóns de euros.

Na súa totalidade, este Plan estratéxico de xuventude de Galicia 2014-2016 contou cun orzamento de máis de 378 millóns de euros para atender as necesidades, prioridades e inquedanzas dos máis de 400.000 mozos e mozas galegos. Así mesmo, enmárcase no calendario de Plans para preparar a Galicia do 2020, prevéndose un cento de instrumentos de planificación que van dar un novo impulso social e económico e que guiarán a actuación da Xunta nos próximos anos. Concretamente, este plan para a xuventude enmárcase no eixo de dinamización económica, crecemento e emprego.

A Consellería de Política Social iniciou xa o proceso para a elaboración dun novo instrumento de planificación para o período 2018-2020. A sesión de lanzamento do novo Plan tivo lugar o pasado 20 de xuño e neste momento está en fase de elaboración da diagnose previa á planificación e nun proceso aberto de participación.