O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, pediu hoxe ao alcalde de Vigo que nun exercicio de “responsabilidade e lealdade institucional” celebre un proxecto, o da recuperación da ETEA, que situará a cidade, e polo tanto a Galicia, como referente mundial no eido da investigación mariña. Neste senso, incidiu en que foi o actual Goberno galego o que iniciou os trámites para recuperar un espazo que en 2002 deixou de ter usos militares. “Fíxoo co compromiso inequívoco de impulsar, desbloquear e financiar o Campus do Mar, un proxecto estratéxico e de primeiro nivel para Universidade de Vigo”, salientou.
Segundo dixo López-Chaves, onte se deu un “paso decisivo” para a instalación da sede institucional do Campus do Mar no edificio Faraday da Escola de Transmisións e Electricidade da Armada no barrio vigués de Teis coa sinatura dos dous convenios coa Universidade de Vigo para a súa rehabilitación.
O primeiro convenio establece que o Goberno galego financie con 250.000 euros os estudos previos necesarios para a recuperación deste edificio (proxecto sectorial, estudo xeotécnico, análise estrutural, levantamento de planimetría e redacción dos proxectos básico e de execución), mentres que a Universidade se encargará de contratalos.
O segundo convenio destinará 3 millóns de euros a sufragar o equipamento do Faraday, de acordo coas liñas mestras marcadas no proxecto técnico que se contratará en virtude do primeiro convenio. A isto sumaranse outros 2 millóns, procedentes de fondos europeos, para levar a cabo distintos proxectos na ETEA.
O representante do Goberno galego na área territorial de Vigo non quixo deixar pasar a oportunidade de pedirlle ao alcalde o seu apoio explícito a un proxecto que conta co consenso da Universidade de Vigo, a Xunta e Zona Franca, ao tempo que recordou que de non ser polas trabas e obstáculos que puxo para a operación de reversión ao organismo estatal das parcelas da ETEA “estaríamos vendo xa hoxe obras no emblemático edificio”.
Noticias de última hora en Vigo