A Xunta pon á disposición das empresas de transformación e comercialización 96 millóns de euros ata 2020 para mellorar a súa competitividade

Animou a seguir loitando por darlle aos produtos do mar o prezo que lle corresponde, de aí que o presuposto para este ano dedicado a mellorar a comercialización medrase nun 38%
Publicado por o día 16/02/2018 na sección de Galicia,Mar,Vigo

A Xunta pon á disposición das empresas de transformación e comercialización 96 millóns de euros ata 2020 para mellorar a súa competitividade

A Xunta porá a disposición das empresas de transformación e comercialización galegas 96 millóns de euros de aquí a 2020 para mellorar a súa competitividade e colaborar para que as compañías acaden un maior valor engadido na venda dos seus produtos transformados. Así o destacou este mediodía en Vigo a conselleira do Mar, Rosa Quintana, no encontro empresarial Galicia Market Place. Agro-mar-alimentario, un sector con valor engadido.

Neste sentido, lembrou que agora mesmo está aberta unha convocatoria de axudas de 12 millóns de euros para que as pequenas e medianas empresas invistan na mellora da súa competitividade e animou ás compañías a acollerse a esta orde de subvencións que permanecerá aberta ata principios de marzo.

Na vía de mellorar os procesos de transformación, Rosa Quintana lembrou a aposta decidida da Xunta neste cometido, de cara a avanzar na dotación de valor engadido e na mellora da trazabilidade. Neste aspecto, recordou que desde 2009 se investiron máis de 260 millóns de euros coa finalidade de obter máis valor engadido e, en consecuencia, “máis ganancia para o sector, porque sabemos que nese aumento de valor está a ganancia”.

De cara a seguir na vía da valorización dos produtos do mar, a titular de Mar animou a seguir loitando por darlle aos produtos do mar o prezo que lle corresponde “facendo que a calidade se vexa recoñecida socialmente”. De aí que medrase nun 38% o presuposto para este ano dedicado a mellorar a comercialización, achegándose aos 8,8 millóns de euros.

Ademais, de cara a atender os retos que se presentan no futuro, a conselleira fixo fincapé na necesidade de garantir o relevo xeracional e atender a unha frota competitiva e dinámica que atraia á xente moza á actividade pesqueira. Por iso, sinalou que desde o seu departamento se axudará economicamente aos propietarios de buques para que invistan en facelos máis seguros e eficientes no eixo enerxético. Tamén incidiu noutro reto, o da necesidade de seguir diferenciando os produtos fomentando a aportación de información que o recoñeza como galego.

De cara a acadar todas estas melloras, a conselleira fixo unha chamada ao apoio das empresas que conforman a cadea mar-industria e animounas a “diversificar as actividades, integrando novas vías de negocio ou maior volume para gañar capacidade de atender mercados cada vez máis amplos”, dixo. Neste aspecto, trasladou o compromiso e apoio da Xunta para desenvolver estratexias e ferramentas que permitan crear sinerxías para impulsar o sector. Neste caso, puxo como exemplo o Plan da Conserva e tamén a elaboración dun futuro Plan do Conxelado se o demanda o sector.

Sector estratéxico en Galicia

Finalmente a conselleira fixo balance da importancia que ten o mar para Galicia polas 44.000 persoas que viven del. Ao respecto das descargas de peixe e marisco fresco, sinalou que no ano 2017 a venda en lonxa acadou os 507 millóns de euros de facturación e máis de 212.000 toneladas descargadas, o mellor ano desde que existen rexistros. No tocante ao sector da industria e da comercialización de produtos do mar, a conselleira lembrou que o 45% do sector empresarial está en Galicia, é dicir hai máis de 200 empresas en Galicia dedicadas a esta actividade, que aportan o 61% do valor económico global –máis de 6.100 millóns de euros- e o 57% do emprego –máis de 13.200 postos de traballo-.

A conselleira tamén fixo referencia ao aspecto social. Así, recordou que os datos de afiliacións á Seguridade Social do Réxime Especial do Mar mantéñense estables desde 2015 e incluso medraron desde xaneiro de 2016 en 150 afiliados. Tendo en conta isto, explicou a conselleira, “son bos datos nos ámbitos ambiental, social e económico que reflicten a potencia pesqueira de Galicia”.

Sector pesqueiro en Vigo

No caso concreto de Vigo, a conselleira trasladou que na cadea mar-industria a cidade de Vigo “é o punto focal”. Rosa Quintana especificou que é a cidade da Eurozona con maior nivel de concentración empresarial en termos de produción e comercialización de alimentos conxelados con base de proteína mariña. Así, sinalou que Vigo acolle a 9 das 10 maiores empresas pesqueiras de España, que as principais empresas pesqueiras viguesas sobrepasan xa os 1.400 millóns de euros de facturación e que a industria pesqueira viguesa é capaz de superar a escaseza de materia prima cun récord de vendas que ronda os 2.900 millóns de euros.