A Xunta pon en valor o traballo das agrupacións de Protección Civil como peza fundamental do sistema de emerxencias

Recordou que o próximo luns se manterá un primeiro encontro entre Xunta, Deputación da Coruña e Concello de Santiago para abordar a comarcalización dos bombeiros
Publicado por o día 27/01/2018 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta pon en valor o traballo das agrupacións de Protección Civil como peza fundamental do sistema de emerxencias

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor o traballo que desenvolven os voluntarios e voluntarias de Protección Civil, que constitúen unha peza fundamental do sistema de atención ás emerxencias grazas ao seu altruísmo, profesionalidade e proximidade á cidadanía.

Así o destacou hoxe durante a inauguración da sede da agrupación de Protección Civil de Ames, a quen felicitou polo seu elevado nivel de actividade a pesar de levar só uns meses funcionando.

Os voluntarios e voluntarias de Protección Civil desenvolven a diario un labor fundamental para o benestar da cidadanía. Por iso, a Xunta leva facendo un importante nos últimos anos para reforzar os seus medios e recursos, o que se ten traducido nun investimento duns 9 millóns de euros nos últimos tres anos.

Este orzamento distribuíuse tendo en conta as necesidades transmitidas polas propias agrupacións, e graza a el, financiouse a adquisición de pick ups, furgonetas, remolques de emerxencias, equipos de excarceración ou embarcacións pneumáticas, entre outros.

Actualmente, hai activas en Galicia máis de 200 agrupacións, das que forman parte ao redor de 4.500 voluntarios e voluntarias, que co seu traballo complementan a resposta que ofrecen os bombeiros das cidades e os comarcais, os GES e outros servizos de emerxencias.

Por iso, é fundamental sumar esforzos entre todos os organismos e institucións e traballar de maneira coordinada para ofrecer a mellor resposta posible á cidadanía. Precisamente, nesta mesma liña de coordinación, inscríbese a reunión que terá lugar o próximo luns entre a Xunta, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago para abordar a posible comarcalización do parque de bombeiros da capital galega, de xeito que poida prestar servizo tamén a concellos próximos, como é o caso de Ames.