A Xunta porá en marcha mañá mesmo a central de chamadas para a xestión do transporte á demanda

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os interesados en reservar praza nalgunha ruta deberán chamar ao 988 68 78 00 e consultar todas as viaxes dispoñibles nesta modalidade na páxina web
Publicado por o día 20/12/2017 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta porá en marcha mañá mesmo a central de chamadas para a xestión do transporte á demanda

Mañá xoves 21 de decembro, coincidindo co inicio das vacacións escolares de Nadal a Consellería de Infraestruturas e Vivenda porá en marcha o sistema piloto de “Transporte á Demanda”, un paso máis cara adiante no proceso de modernización do Plan de transporte público de Galicia.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que durante este tempo parte dos servizos actuais de transporte compartido (escolar + adultos) pasarán a prestarse baixo demanda, polo que o usuario interesado terá que contactar cunha central de chamadas para reservar previamente a súa praza no autobús.

Ademais, para facilitar todo este proceso, as persoas usuarias disporán dun número de teléfono fixo ao que se dirixir, o 988 68 78 00. A Xunta quixo centralizar nun só número un servizo que na actualidade se xestionaba a través dos teléfonos das diferentes compañías de transporte.

O novo sistema está dispoñible desde as 8.00 ata as 20.00 horas, de luns a venres laborais. Con esta franxa temporal dáse cobertura ás potenciais solicitudes. A reserva de praza para un determinado día poderanse pedir, polo tanto, ata as 20.00 horas do día anterior.

A Xunta ten distribuído información precisa sobre a posta en marcha deste novo sistema a todos os concellos afectados e ás diferentes compañías de transporte, que teñen a obriga de divulgar de forma correcta a información relativa aos servizos que prestan.

Provincia de Lugo

Balseiro avanzou que, no caso concreto da provincia de Lugo, serán 27 os concellos nos que se ofrecerá o sistema de “Transporte á demanda” este Nadal, o que representan 47 liñas diferentes. En total, serán 140 paradas distribuídas por toda a xeografía lucense, de norte a sur.

Ademais toda a información relativa aos servizos que funcionarán baixo demanda estará dispoñible a partir do xoves que vén a través da páxina web www.bus.gal.

Cómpre salientar tamén que o custe do servizo de transporte para a persoa usuaria non se verá incrementado pola utilización do sistema de petición, abonando as tarifas xerais do servizo de transporte.

Características do novo sistema de transporte

A través do número 988 68 78 00 ofrecerase unha atención telefónica personalizada, mediante axentes que coñecerán o sistema de transporte e guiarán ás persoas usuarias no proceso de realización da súa petición.

Neste sentido, prevese que a persoa usuaria, logo de se identificar, indique o concello e parada de orixe e o concello e parada de destino, e o operador informaralle dos horarios e servizos dispoñibles para a data na que pretenda viaxar. Nunha mesma chamada poderanse reservar varios servizos, ou prazas neles para máis dunha persoa.

As peticións de servizo serán rexistradas polo operador, coa incorporación de datos básicos para a identificación do solicitante ao que se lle indicará un código coa súa reserva. Esta reserva poderá ser anulada, igualmente, ata as 20.00 horas do día anterior ao da realización da viaxe.

O sistema reportará ás empresas de transporte tanto as reservas ou as súas anulacións segundo se vaian realizando e, pouco despois das 20.00 horas, o conxunto de peticións formuladas para o día seguinte, estando obrigadas estas a atender as demandas de transporte comunicadas

Aplicación móbil e a través de internet

Unha vez posto en marcha o modelo inicial, e tamén coa análise do mesmo, se introducirán progresivamente novas funcionalidades complementarias, dirixidas a facilitar que tanto a obtención de información xeral do sistema de transporte, a busca de servizos dispoñibles, e a petición de praza en servizos ou paradas baixo demanda, se realicen de xeito sinxelo dende o móbil ou o ordenador. Igualmente, permitirase un mellor seguimento das mesmas por parte das empresas que prestan os servizos e a verificación da súa correcta atención por parte da Administración.