A Xunta promove a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida dentro das accións de mellora da accesibilidade

O responsable da área social do Goberno galego avogou por intensificar as medidas a prol da inclusión e a accesibilidade en todos os ámbitos, tamén no sector do transporte público
Publicado por o día 17/01/2018 na sección de Social,Xunta de Galicia

A Xunta promove a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida dentro das accións de mellora da accesibilidade

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, reuniuse onte con representantes da Asociación Teletaxi Ferrolterra, entre eles, co seu presidente, Felipe Pérez Queiras. A xuntanza tivo lugar no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol e tamén contou coa participación da directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez.

En declaracións aos medios, o conselleiro explicou que un dos motivos deste encontro foi o de dar visibilidade ao servizo de taxi adaptado a persoas que teñen a súa mobilidade reducida. A Xunta de Galicia concede axudas individuais de 10.000 euros para promover a adquisición dos chamados Eurotaxis coa dobre finalidade de “aumentar a competitividade do sector e facilitar a vida ás persoas que teñen algunha discapacidade que limita a súa autonomía”. En 2017 a Administración autonómica concedeu axudas por valor de 400.0000 euros para a compra de taxis adaptados e así “incrementar a autonomía das persoas con mobilidade limitada e facer posible un transporte público máis eficaz e útil”.

Rey Varela enmarcou o fomento do servizo de taxi adaptado no “grande obxectivo do Goberno galego de conseguir a inclusión plena das persoas con diversidade”. Un compromiso no que se enmarcan outras actuacións do Executivo autonómico como as convocatorias de axudas a concellos para a mellora da accesibilidade en espazos e edificios públicos. Así mesmo, destacou o novo incremento nun 8,6% dos orzamentos de 2018 para a atención á discapacidade ata alcanzar os 102,8 millóns de euros.

Por último, o titular de Política Social insistiu en que as administracións públicas e a sociedade no seu conxunto “deben abordar a discapacidade, sexa do tipo que sexa, desde a perspectiva da igualdade, a non discriminación, a accesibilidade universal e a acción positiva”.