A Xunta promove o destino turístico Galicia no Vigo Seafest, no Resurrection Fest de Viveiro e na feira ‘Corazón de artesanía’

urismo de Galicia instalou recintos nos dous festivais e na feira de artesáns para achegar información turística aos visitantes e difundir os valores da oferta galega.
Publicado por o día 08/07/2017 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta promove o destino turístico Galicia no Vigo Seafest, no Resurrection Fest de Viveiro e na feira ‘Corazón de artesanía’

A oferta turística de Galicia está presente estes días nos dous festivais e encontros profesionais máis importantes que se celebran na Comunidade galega ao obxecto de ofrecer información do turismo galego aos participantes e difundir os valores do destino.

Deste xeito, Turismo de Galicia está presente no Vigo Seafest, cun espazo de 25 metros cadrados, desde o que se difundirá a oferta turística, polo que se disporá de informadores especializados nesta materia.

Ademais, contará cunha decoración interior propia do mar galego. A fin de achegar dinamismo ao recinto, este contará cunha exhibición e obradoiros levados a cabo por unha redeira e un artesán que realiza nós, amosando o seu traballo aos visitantes que poderán aprender a elaboralos e levalos como agasallo.

Trátase da segunda edición deste acontecemento festivo, que naceu co obxectivo de posicionar Galicia como destino gastronómico de produtos do mar á vez que se promove a industria pesqueira nos seus ámbitos transformador e comercializador, así como a produción sustentable, a alimentación saúdable, ademais de contar con actuacións musicais e actividades culturais e de ocio.

Resurrection fest

Por outra parte, Turismo de Galicia participa por vez primeira no Resurrection fest, ao que asisten miles de afeccionados á musica rock, procedentes de distintos países, pois xa se consolidou como unha das citas máis importantes de Europa no ámbito do rock duro.

Nesta edición, Turismo de Galicia dispón dunha carpa de 25 metros cadrados, co obxecto de informar e dar a coñecer a oferta turística galega a eses milleiros de visitantes que cada ano se achegan a Viveiro. Este recinto está atendido por unha informadora e persoal especializado de Turismo de Galicia.

‘Corazón de artesanía’

Por último, o departamento de Turismo da Xunta colabora coa Fundación Artesanía de Galicia instalando un módulo informativo para a difusión da oferta turística de Galicia no acontecemento ‘Corazón de artesanía’ que se celebra esta fin de semana na vila pontevedresa de Agolada.