A Xunta promove a prevención e detección da violencia de xénero nas comunidades veciñais

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou na Coruña un convenio de colaboración co Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia e coa Asociación española de auditores socio-laborais
Publicado por o día 16/02/2017 na sección de Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta promove a prevención e detección da violencia de xénero nas comunidades veciñais

A Xunta impulsará a prevención e a detección de situacións de violencia de xénero nas comunidades veciñais co obxectivo de seguir implicando á toda a sociedade na loita contra esta lacra e no apoio ás vítimas.

Ese é o principal obxectivo do convenio de colaboración asinado hoxe na Coruña polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente do Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia (COAFGA), Martín Bermúdez de la Puente; e a representante da Asociación española de auditores socio-laborais (CEAL) en Galicia, María Ángeles García.

Grazas a este convenio, apoiarase a prevención e detección de situacións de violencia de xénero nas comunidades de propietarios e propietarias nas que estean presentes os administradores de fincas. O Goberno galego encargarase de distribuír material informativo e de sensibilización a prol da eliminación da violencia contra as mulleres, un delito que en numerosas ocasións ocorre na intimidade dos fogares, polo que é preciso da colaboración de todos os axentes, entidades e persoas.

Durante o acto presentáronse os carteis e trípticos -a primeira tirada será de 30.000 exemplares- elaborados pola Xunta no marco deste convenio. Neste material informativo, estará dispoñible información sobre as posibles manifestacións da violencia de xénero, así como indicacións sobre que facer e a onde acudir no caso de precisar axuda.

Ademais da difusión deste material, a Xunta tamén porá a disposición do COAFGA e do CEAL persoal técnico especializado para a coordinación de actuacións conxuntas e para a elaboración de contidos para accións formativas sobre violencia de xénero, que permita aos membros de ambas organizacións ampliar o seu coñecemento xeral e sobre as posibles pautas de actuación.

Esta iniciativa inscríbese no compromiso do Goberno galego coa igualdade e na loita contra a violencia de xénero, que se volve reflectir nos orzamentos deste ano. Concretamente, a partida contra esta lacra supera os 5 millóns de euros, incrementándose en máis dun 60 por cento as axudas periódicas a mulleres vítimas de violencia.