A Xunta publica hoxe no DOG a orde de axudas para a adquisición de taxis adaptados a persoas con mobilidade reducida para o ano 2017

A contía total destinada a estas axudas ascende a 200.000 euros e o prazo de presentación de solicitudes comezará mañá e finalizará o día 13 de outubro
Por o 29/05/2017 | Sección: Vigo,Xunta de Galicia
A Xunta publica hoxe no DOG a orde de axudas para a adquisición de taxis adaptados a persoas con mobilidade reducida para o ano 2017
Compartir en:

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida e se convocan para o exercicio 2017, cunha contía total de 200.000 euros, que pode ser ampliada.

A axuda por vehículo será de 10.000 euros e é compatible con outras subvencións que para a mesma finalidade poida obter a entidade beneficiaria.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 13 de outubro de 2017. Para ampliar a información relativa a esta orde de axudas pode consultarse o DOG.

Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade. Para xeraren dereito á axuda, as autorizacións terán que estar domiciliadas en Galicia, deberán estar vixentes no momento da presentación da solicitude e xerará dereito á axuda cada unha das cales sexa titular o solicitante.

Con cargo a esta orde será subvencionable a adquisición de vehículos que deben estar adaptados para o seu uso por persoas con mobilidade reducida, reunindo as condicións previstas no Real decreto 1544/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan os requisitos básicos de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos modos de transporte para persoas con discapacidade. Os vehículos deberán ser adquiridos, dentro dos prazos fixados na orde, durante o ano 2017 e non se admitirán como subvencionables os de segunda man.

O Goberno galego está a impulsar a implantación progresiva de vehículos adaptados e accesibles para a prestación do servizo de taxi, xa que ademais de contribuír a incrementar a competitividade do sector e ao fomento do emprego neste colectivo, tamén se lle facilita un pouco a vida ás persoas con mobilidade reducida, avanzando nese grande obxectivo da Xunta que é acadar a inclusión plena das persoas con discapacidade.