A Xunta recibe a Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello de Vigo que promove a declaración da Reconquista como Festa de Interese Turístico Nacional

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, considera o reto “asumible” e recorda que sería a primeira festa con esta catalogación na cidade de Vigo.
Publicado por o día 05/06/2017 na sección de Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta recibe a Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello de Vigo que promove a declaración da Reconquista como Festa de Interese Turístico Nacional

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu esta mañá na sede da Delegación Territorial da Xunta en Vigo aos representantes da Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello que promove a declaración da Reconquista como Festa de Interese Turístico Nacional. Durante a cita, na que estivo acompañada do representante do Goberno galego na área, Ignacio López-Chaves, informoulles dos pasos a seguir para acadar a devandita catalogación, un reto que considerou “asumible”.

Tras o encontro, Nava Castro recordou que a celebración cumpre con todos os requisitos para a declaración, logo de ser nomeada Festa de Interese Turístico de Galicia fai cinco anos. Así, apuntou que a capacidade hoteleira, en pleno corazón de Vigo, é “incuestionable”. Se ben, salientou que é requisito indispensable para a denominación ter ao menos vinte impactos en medios nacionais e pediu a colaboración dos xornais, televisións e radios para acadala.

Nesta mesma dirección, a directora de Turismo de Galicia amosou a súa satisfacción pola iniciativa da Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello, coa que se comprometeu a traballar da man para lograr os impactos requiridos. Segundo indicou, a da Reconquista sería a primeira festa baixo esta denominación en Vigo e pasaría a formar parte do abano de citas turísticas que “nos axudan a desestacionalizar a nosa oferta”.

Máis de 130 festas de interese turístico

Respecto aos pasos a seguir a partir de agora, Nava Castro indicou que os promotores deberán redactar a memoria explicativa que acredite que a candidata cumpre con todos os criterios que lle esixe a denominación. Ademais, recordou que a solicitude debe de ir acompañada dun acordo plenario, neste caso do Concello de Vigo, e dun informe da Xunta. Completados estes trámites, será a Administración autonómica a encargada de remitirlle a solicitude á Secretaría General de Turismo do Goberno central.

De acadarse este recoñecemento, a Festa da Reconquista de Vigo sumaríase ás 11 festas declaradas de interese turístico nacional coas que conta Galicia. En total, a comunidade galega conta, a día de hoxe con 135 festas de declaradas de interese turístico das que 9 son de interese turístico internacional, 11 de interese turístico nacional e 115 de interese turístico autonómico.