A Xunta recibe do Estado máis de 326.000 euros para axudas destinadas a mulleres e menores vítimas da violencia de xénero

Hoxe celebrouse en Madrid a Conferencia Sectorial de Igualdade no que se levou a cabo o reparto de fondos estatais para este ano
Por o 29/06/2017 | Sección: Xunta de Galicia
A Xunta recibe do Estado máis de 326.000 euros para axudas destinadas a mulleres e menores vítimas da violencia de xénero

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella participou hoxe na conferencia sectorial de Igualdade, onde foron acordadas a distribución das axudas para as comunidades autónomas polas que Galicia percibirá do Estado, un total de 326.776 euros para o desenvolvemento de programas e servizos de asistencia social integral a vítimas da violencia de xénero.

A reunión tivo lugar no Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, e estivo presidida polo secretario de Estado, Mario Garcés. Susana López Abella indicou que nela acordáronse os criterios de reparto e a distribución para as CC.AA das axudas para o desenvolvemento dos programas e a prestación de servizos que garantan o dereito á asistencia social integral ás vítimas de violencia de xénero e a atención aos menores.

Dos 326.776 euros que recibe a nosa Comunidade, 176.537 euros serán para a asistencia social integral para mulleres vítimas da violencia de xénero, 86.667 euros para asistencia integral a menores e 63.572 euros para a mellora e coordinación a través de plans persoalizados. Neste exercicio, o crédito total do Estado para este fin será de 5 millóns de euros, e acordouse destinar 2 millóns de euros máis para a a atención ás vítimas de agresións sexuais.

As axudas segundo a Lei 1/2004 do 28 de decembro de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, o dereito á asistencia social integral,que inclúe o dereito a
servizos sociais de atención, de emerxencia, de apoio e acollida e de recuperación integral, irán destinadas especificamente á información á vítimas, á atención psicolóxica; apoio social; Seguimento das reclamacións dos dereitos da muller; apoio educativo á unidade familiar; formación preventiva nos valores de igualdade dirixida ao seu desenvolvemento persoal e á adquisición de habilidades na resolución non violenta de conflitos; e apoio á formación e inserción laboral.