A Xunta reformulará o proxecto de mellora da avenida de Celanova de Xinzo para transformala en vía urbana mantendo as árbores e canalizando o tráfico a través dunha circunvalación

A reforma inicialmente prevista nese treito da OU-531 respondía á demanda de manter dous sentidos de circulación, o que facía imprescindible a tala das árbores para garantir a seguridade viaria
📣 Publicado por el 13/05/2017 en la sección de Medio Ambiente - Vigo - Xunta de Galicia

A Xunta reformulará o proxecto de mellora da avenida de Celanova de Xinzo para transformala en vía urbana mantendo as árbores e canalizando o tráfico a través dunha circunvalación

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, reformulará o proxecto de acondicionamento da avenida de Celanova, en Xinzo de Limia, para transformala nunha vía urbana que manteña as ábores. Así mesmo, esa reformulación prevé canalizar o tráfico de entrada e saída da vila cara á N-525 a través dun treito de circunvalación.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda redactou o proxecto para o acondicionamento da avenida de Celanova, na estrada autonómica OU-531, entre os treitos p.q. 0+000 e 0+350, de acordo coas demandas trasladadas polo Concello de Xinzo para canalizar por esa vía o tráfico de entrada e saída na vila.

Desa forma, preveuse unha reorganización da sección transversal para ampliar a calzada e manter os dous sentidos de circulación, o cal facía imprescindible a tala das árbores para garantir a seguridade viaria. Así mesmo preveuse a execución dunha nova mediana axardinada, así como a construción de beirarrúas e o acondicionamento dos pavimentos, ademais da mellora da drenaxe, o saneamento, a iluminación e a disposición de elementos de xardinaría e mobiliario urbano. O orzamento previsto nesta actuación é de 461.000 euros.

Sen embargo, a Consellería de Infraestruturas decidiu desistir da execución dese proxecto de mellora acordado co Concello, tras trasladar nos días pasados a Administración local a súa postura a favor dun cambio de formulación que permita atender as demandas veciñais.

A solución adoptada pola Xunta pasa pola transferencia da titularidade desa vía ao Concello de Xinzo, para que proceda á súa reforma conforme as características propias dunha vía urbana, ao tempo que se acondicionan as vías municipais que deberán funcionar como circunvalación para canalizar o tráfico de entrada e saída á vila.

O Goberno galego mantén o compromiso de investimento nesta reorganización viaria.