A Xunta reitera o seu apoio a Cáritas diocesana na loita contra a pobreza e a exclusió

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo hoxe un encontro cos representantes das delegacións da entidade en Galicia
Publicado por o día 05/04/2017 na sección de Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta reitera o seu apoio a Cáritas diocesana na loita contra a pobreza e a exclusió

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo hoxe un encontro no seu despacho de San Caetano, cos responsables das distintas delegacións de Cáritas en Mondoñedo- Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense e Tui-Vigo.

No transcurso do mesmo, o titular autonómico destacou os obxectivos da Consellería de Política Social, coincidentes cos da asociación de Cáritas no que respecta á loita contra a pobreza, a exclusión, a intolerancia e a discriminación. “A integración plena de todas as persoas na sociedade só se conseguirá co traballo conxunto entre administracións e entidades do tecido social”, explicou Rey Varela. E, ao fío, lembrou que o incremento dos fondos destinados a proxectos e actividades da área de Inclusión Social medrou nos dous últimos anos un 21,7%, “o que está a permitir á Administración autonómica mellorar as achegas dirixidas ás entidades sociais que traballan neste ámbito”.

O conselleiro destacou que a Xunta de Galicia mantén a súa colaboración coa entidade en toda Galicia “para facer realidade os seus obxectivos en prol dos colectivos máis desfavorecidos”, explicou. Unhas metas que pasan pola consecución dunha sociedade cohesionada e xusta onde todos participen, a través dun cambio significativo nas estruturas sociais económicas e políticas que producen pobreza e exclusión.

Cáritas Diocesana loita contra a pobreza e a exclusión social a través de catro dimensións: o servizo de acollida e axuda para persoas en situación de necesidades; o traballo de promoción e integración coas persoas en situación de pobreza e/ou exclusión social; tarefas de animación da comunidade; e compromiso a través da formación e sensibilización.

Grazas ao seu esforzo diario, a entidade atende a milleiros familias, “o que dá conta do compromiso de Cáritas coas persoas que máis o precisan”, afirmou o conselleiro.