A Xunta responde que a trasferencia da saúde penitenciaria a Galicia “non é urxente” e emprega as elecións de 2016 como pretexto da demora

Foi en resposta a Eva Solla que se interesou polas xestións feitas polo Goberno Galego para a transferencia desta competencia, establecida nunha lei de 2003.
Publicado por o día 02/06/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

A Xunta responde que a trasferencia da saúde penitenciaria a Galicia “non é urxente” e emprega as elecións de 2016 como pretexto da demora

A voceira de Sanidade de En Marea e vicepresidenta da Mesa do Parlamento Eva Solla preguntou esta mañá na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia polas xestións realizadas pola Xunta para executar o traspaso das competencias en materia de saúde penitenciaria, en virtude dunha proposición non de lei aprobada por unanimidade na anterior lexislatura (6 de maio de 2015).

A parlamentaria de En Marea lembroulle á Directora Xeral de Relacións Institucións e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns, a obriga de dar cumprimento a unha disposición establecida nunha norma con rango de lei do ano 2003, a Lei de Cohesión e Calidade do Sistema Nacional de Saúde, “que especifica que a saúde penitenciaria debe deixar de depender de Institucións Penitenciarias e pasar a estar xestionada polas comunidades autónomas, pero só en Cataluña e o País Vasco se ten cumprido este mandato”.

Para En Marea é sorprendente que trece anos despois desta lei “a Xunta veña ao Parlamento a dicir que non é urxente e que as sucesivas eleccións de 2016 foron as causantes dos sucesivos atrasos  cando  saben que se está vulnerando o dereito das persoas reclusas a acceder a unha atención sanitaria en igualdade de condicións ao resto da poboación”.

A trasferencia da saúde penitenciaria é especialmente agardada polas persoas presas en Galicia que padecen Hepatite C, ás que a administración obrigou a seren trasladados a centros penitenciarios de Madrid se querían acceder a determinados tratamentos.

A resposta da Xunta tamén  é incoherente co compromiso do departamento que coordina a Sanidade Penitenciaria a nivel estatal, dependente do Ministerio de Interior, que no pasado mes de febreiro se comprometeu a facer efectiva a transferencia a todas as comunidades autónomas durante esta lexislatura.