A Xunta reúnese con representantes do sector turístico para impulsar a candidatura integradora das Illas Cies-Parque Nacional Illas Atlánticas

O conselleiro de Cultura e Educación destacou na cidade olívica a importancia de “recoller a experiencia dos profesionais do eido turístico”.
Por o 28/06/2017 | Sección: Galicia,Vigo,Xunta de Galicia
A Xunta reúnese con representantes do sector turístico para impulsar a candidatura integradora das Illas Cies-Parque Nacional Illas Atlánticas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, reuníronse esta tarde na sede viguesa do Parque Nacional Illas Atlánticas con diversos representantes do sector turístico pontevedrés para impulsar a candidatura integradora das Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas.

No encontro explicáronselles todos os aspectos técnicos polos cales esta ofrece máis garantías para acadar a inclusión final na lista de Patrimonio Mundial e abordáronse diversas cuestións turísticas como a desestacionalización ou a valorización do territorio, relativas á potencial influencia desta declaración.

O conselleiro subliñou que é moi importante poder explicar a candidatura e recoller a experiencia dos profesionais do eido turístico, así como doutros sectores produtivos vencellados tanto ás Illas Cíes como aos outros tres arquipélagos, para poder incorporar ese coñecemento e harmonizar todos os intereses, procurando o mellor para Vigo e para o conxunto de Galicia.

Pola súa banda, a directora de Turismo explicou que a natureza é a principal motivación pola que os turistas elixen visitar Galicia, de xeito que unha distinción como a de Patrimonio Mundial podería supoñer un destacado impulso de visitantes nas Rías Baixas. Nava Castro lembrou que a Xunta está a traballar, no marco da Estratexia do turismo Galicia 2020, polo impulso turístico da Rede de Parques Naturais, unha actividade económica compatible coa súa preservación e sustentabilidade. Finalmente, houbo unha produtiva posta en común de achegas relativas á candidatura cos distintos responsables do sector turístico.

Nesta xornada de traballo de carácter informativo participaron representantes do Cluster turístico de Galicia, da Asociación de Hoteis de Vigo (AHOSVI), da Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra (FEPROHOS), da Asociación Provincial de Axencias de viaxes de Pontevedra (AVIPO), así como diversas axencias rexionais e maioristas, representantes de navieiras e responsables de distintos establecementos hoteleiros e entidades culturais da provincia de Pontevedra.

Candidatura integradora e de consenso
Cómpre salientar que a Xunta de Galicia está a procurar un acordo dialogado arredor dunha candidatura integradora e de consenso, que recoñecendo o valor singular das Cíes, plantexe o conxunto do Parque Nacional como un todo. Precisamente, unha das grandes fortalezas desta candidatura son os traballos feitos e a existencia dunha unidade de xestión como é o Parque Nacional que xa actúa na salvagarda dos valores deste ben natural.

Neste sentido, o titular de Cultura incidiu no feito de que en España os tres bens patrimonio mundial na categoría natural son, a súa vez, Parques Nacionais, que no caso de Garajonay ocupa 6 concellos e no caso de Doñana e do Teide 14 concellos. Isto asegura a harmonización da lista e tamén os criterios de xestión.

A modo de exemplo, explicouse que no caso do Parque Nacional do Teide, aínda que o volcán homónimo é o elemento icónico, incluíuse a totalidade do parque co Pico Vello, a Caldeira das Cañadas, a Fortaleza, os Roques de García, os rifs etc.