A Xunta salienta que a Lei de implantación empresarial garante o respecto ao medio ambiente nos plans mineiros do sector da lousa

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, participou hoxe en Ourense nunha xornada organizada polo Clúster da Lousa na que se expuxeron diferentes traballos sobre a explotación e a restauración das canteiras de lousa
Publicado por o día 11/12/2017 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta salienta que a Lei de implantación empresarial garante o respecto ao medio ambiente nos plans mineiros do sector da lousa

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, participou hoxe en Ourense nunha xornada organizada polo Clúster da Lousa na que se expuxeron diversos traballos sobre a explotación e a restauración das canteiras de lousa. Tahoces destacou o compromiso deste sector co medio ambiente e coa seguridade, tal e como se plasma nos traballos presentados, indicando que son tamén criterios prioritarios da Lei de implantación empresarial, a nova normativa aprobada pola Xunta para impulsar a actividade económica na Comunidade.

A normativa, en palabras de Tahoces, axudará a consolidar a actividade mineira en Galicia cumprindo sempre cos criterios de máxima seguridade xurídica e respecto ao medio ambiente. É dicir, a Lei blinda o contorno con “garantías ambientais claras”, paralizándose a tramitación ante calquera informe negativo.

O propio sector estima que este marco xurídico axudará a impulsar a creación de 800 novos empregos no sector da minaría, incrementando nun 23% a súa achega ao PIB da Comunidade.

Tahoces, así mesmo, afirmou que a Lei establece un procedemento administrativo integrado pioneiro e moi avanzado que agrupará todas as actuacións necesarias para o desenvolvemento da actividade.

A nova Lei reduce as trabas administrativas para poder investir en Galicia cumprindo sempre coa seguridade xurídica establecida e respectando o medio ambiente. Ofrece, ademais, maiores facilidades para acceder ao solo empresarial e máis beneficios fiscais.

En definitiva, Tahoces afirmou que o texto legal favorecerá a sustentabilidade ambiental da actividade, resaltando que converterá a Galicia “nunha terra atractiva onde investir para impulsar a competitividade dos sectores estratéxicos”. Para rematar, sinalou “o papel clave” que xogarán os concellos para ampliar o alcance das medidas que se recollen na Lei.