A Xunta somete a información pública o proxecto de mellora de seguridade viaria na contorna dun tramo de concentración de accidentes na estrada PO-331, no concello de Gondomar

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio co que comeza este procedemento no que os interesados poderán presentar alegacións dende mañá ata o 15 de febreiro
Por o 04/01/2018 | Sección: Galicia

A consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que sesomete a información pública o proxecto de mellora da seguridade viaria no entorno de treitos de concentración de accidentes na estrada PO-331, entre os puntos quilométricos 11+200 e 14+600.

O prazo para a presentación de informes e alegacións abranguerá dende mañá ata o vindeiro día 15 de febreiro. Este proxecto está enmarcado na estratexia deseñada pola Xunta para ter eliminados en 2020 todos os tramos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas mediante a execución de 40 actuacións en 90 km, cun investimento de 12,3 millóns de euros.
O obxecto do proxecto é a formulación de actuacións puntuais coas que evitar ou reducir a accidentalidade nun treito da PO-331, identificado como tramo de concentración de accidentes, situado no Concello de Gondomar.
As actuacións previstas desenvolveranse entre a saída da primeira glorieta do polígono da Pasaxe e a rotonda de intersección coa PO-341, en Vincios.
Os traballos consistirán na execución dunha glorieta no Pq. 12+250, mellorando o acceso principal do polígono. A súa construción permitirá restrinxir os xiros á esquerda dende a PO-331 cara a autoestrada, que se realizarán no glorieta.
Reordenarase o aparcadoiro nas marxes da estrada ao seu paso polo polígono e construiranse beirarrúas que melloren a continuidade dos itinerarios peonís e executaranse dous cambios de sentido, un no Pq. 13+040 e outro no Pq. 14+050, co fin de realizar os xiros en condicións seguras.
O proxecto tamén contempla a mellora doutras interseccións mediante a execución de cuñas de aceleración e desaceleración, para facilitar a incorporación e saída da estrada. Ademais mellorarase a seguridade nos pasos de peóns, establecendo medidas que garantan a súa visibilidade e revisarase a sinalización horizontal e vertical e o balizamento.