“A Xunta ten que desautorizar de inmediato a segregación que pretende Ferroatlántica”

O Comité demanda unha reunión urxente con Industria e advirte de novas mobilizacións
Publicado por o día 13/05/2017 na sección de CIG,Empresas,Galicia,Protestas,Sindicatos,Vigo

“A Xunta ten que desautorizar de inmediato a segregación que pretende Ferroatlántica”

O Comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas, reunido de urxencia, acordou levar adiante todas as mobilizacións que sexan necesarias “para esixir á Xunta de Galicia que, de xeito inmediato e contundente, desautorice a solicitude de segregación de actividades presentada formalmente no día de onte pola empresa”. A tal fin, a representación do persoal non descarta convocar todo tipo de mobilizacións, incluídas novas xornadas de folga nas fábricas e centrais hidroeléctricas ou manifestacións polas rúas de Santiago.

De igual xeito, o Comité vén de remitir un escrito ao conselleiro de Industria pedindo unha reunión urxente para coñecer que documentación achega a empresa e que actuacións vai realizar o departamento autonómico. No caso de que a Xunta e a Consellaría non respondan á petición nas próximas horas, “o Comité porá en marcha as medidas que sexan precisas para esixir do conselleiro que nos reciba”.

Novas mentiras da empresa

Así mesmo, este Comité fixo unha serie de consideracións ao contido do comunicado enviado á prensa por Ferroatlántica. “Cando di que solicita o retorno ao estado orixinal das concesións, cómpre lembrar que a concesión dos aproveitamentos hidráulicos estivo sempre vinculada á produción de ferroaliaxes. Volver ao estado orixinal sería recuperar os ríos como estaban hai 100 anos, sen saltos de auga e sen encoros”. afirman. Nesta liña, subliñan que “a única razón pola que as fábricas se instalaron en Cee e Dumbría foi a presenza dos ríos Xallas e Grande e as súas posibilidades para a produción de electricidade. Aínda que pretende dar a entender o contrario, cando o Grupo Villar Mir adquiriu o complexo industrial no ano 92 as dúas actividades xa estaban unidas e esta condición foi aceptada pola empresa, quen posteriormente litigou pola vía xudicial para conseguir a segregación”.

Porén, tanto o TSXG como o Tribunal Supremo ratificaron nas súas sentenzas a vinculación de ambas actividades. “Estamos polo tanto, ante unha nova tentativa do Grupo Villar Mir de lograr  a separación das fábricas e as centrais”.

Doutra banda, desmenten a empresa cando asegura que a maioría sindical ten avalado o acordo sobre o proxecto industrial. Sobre esta cuestión destacan que o 75% da representación sindical dos centros de traballo afectados directamente son contrarios a esta operación especulativa. Aínda que a empresa tamén fai gala do apoio recibido pola Confederación de Empresarios da Coruña, engaden que non cómpre perder de vista que o empresariado da comarca, os alcaldes, o comercio e o conxunto da sociedade da Costa da Morte tense pronunciado en contra da venda en numerosas ocasións, tal e como quedou reflectido na multitudinaria manifestación do pasado 10 de marzo.

En risco os empregos e o futuro da comarca

“Afirmamos que estamos ante unha operación especulativa, porque o interese xeral ao que alude Ferroatlántica xa está garantido nestes momentos por lei. O que busca a empresa é facer negocio coa venda das centrais, pondo en risco a continuidade dos empregos e as factorías e obtendo uns recursos económicos que, en boa medida, irán a parar a Aurinka, a planta de silicio solar que Javier López Madrid (presidente de Ferroglobe e imputado na Operación Lezo e inmerso noutras causas xudiciais) impulsou en Puertollano”, aseveran.

Sobre López Madrid, o Comité reclámalle ao Presidente de Ferroglobe que se aplique a si propio o Código Ético que a empresa di ter “e que dimita, como xa se veu forzado a abandonar o consello de OHL. A credibilidade do plan industrial de Ferroatlántica ten a mesma credibilidade que un personaxe como López Madrid”.

Reiteran unha vez máis que empresa está intentando levar adiante un plano de reconversión e desmantelamento, que fronte as afirmacións da dirección, suporá o peche das factorías de Cee e Dumbría. “A falta de credibilidade dos proxectos de Ferroatlántica constátase no incumprimento de calquera inversión e modernización nas fábricas -nin tan sequera se construíu o formo 23 en Dumbría-;  estamos vendo as verdadeiras consecuencias que supón a fusión con Globe; e no incumprimento das inversións  anunciadas en setembro  de 2016 en FerroSolar. En modo algún é verdade que se vaian xerar os postos de traballo que manexa a empresa, pois no mellor dos casos estaríamos falando de 30 empregos”.

A autorización sería unha decisión nula de pleno dereito

En todo caso, para a representación social resulta sorprendente que a estas alturas a Xunta non se teña pronunciado e sexa o propio Comité quen teña que lembrar ao Goberno galego “que autorizar as pretensións do Grupo Villar Mir suporía unha ilegalidade e sería unha decisión nula de pleno dereito”.

Así o recolle o informe técnico-xurídico que, ante a pasividade da Xunta, o Comité de Cee-Dumbría-Centrais  Hidroeléctrica encargou á Universidade da Coruña. Este documento confirma que, de producirse un cambio das condicións orixinais das concesións, isto será motivo de caducidade das mesmas e polo tanto, deberán ser devoltas á administración.

Ademais, advirte que a persoa funcionaria ou autoridade que  ditara unha resolución favorábel á transmisión dos aproveitamentos hidroeléctricos a unha empresa diferente da que é titular das actividades de ferroaliaxes podería estar incorrendo nun delito de prevaricación administrativa.

“E que non lle caiba dúbida ao Goberno do PP, se dá as costas aos traballadores/as e á comarca autorizando a segregación, este Comité promoverá todas as actuacións necesarias para reverter a decisión, incluso chegando á vía xudicial. Preguntámonos se agora que Ferroatlántica formalizou a solicitude, terá a ben o Sr. Francisco Conde reunirse co Comité, ou pola contra pregarase aos intereses dunha empresa que, non esquezamos, está sendo investigada polo financiamento ilegal do partido ao que representa o conselleiro”, sinalan.

Finalmente, o Comité entende que “xa basta de enredar e de tentar confundir. A Xunta ten que pararlle os pés á empresa. Manter vinculadas as fábricas e as centrais hidroeléctricas depende só dunha decisión política e é competencia exclusiva da Xunta. Non valen as medias tintas”.