A Xunta únese á conmemoración do 71º aniversario da creación das Nacións Unidas

Por o 24/10/2016 | Sección: Vigo,Xunta de Galicia
A Xunta únese á conmemoración do 71º aniversario da creación das Nacións Unidas
Compartir en:

Cada 24 de outubro celébrase o chamado Día das Nacións Unidas, que marca o aniversario da entrada en vigor en 1945 da Carta das Nacións Unidas. Coa ratificación deste documento fundacional naceu oficialmente a organización das Nacións Unidas. A celebración desta data constitúe unha oportunidade para reafirmar o compromiso cos seus valores, principios e ideais, baseados na procura da paz, a xustiza, o respecto aos dereitos fundamentais e a procura do progreso e a igualdade.

O Día das Nacións Unidas deste ano 2016 pretende resaltar as accións concretas que as persoas poden realizar para axudar a alcanzar os Obxectivos de desenvolvemento sustentable.

Na actualidade, son membros das Nacións Unidas 193 Estados, que están representados no órgano deliberante, a Asemblea Xeral. Debido ás facultades que lle confire a Carta e o seu singular carácter internacional, as Nacións Unidas poden tomar medidas sobre os problemas que enfronta a humanidade no século XXI, como a paz e a seguridade, o cambio climático, o desenvolvemento sustentable, os dereitos humanos, o desarmamento, o terrorismo, as emerxencias humanitaria e de saúde, a igualdade de xénero, a gobernanza, a produción de alimentos, entre outros.

A ONU tamén proporciona un foro para que os seus membros poidan expresar a súa opinión na Asemblea Xeral, o Consello de Seguridade, o Consello Económico e Social e outros órganos e comisións. Ao permitir o diálogo entre os seus membros, e a organización nas negociacións, a Organización converteuse nun mecanismo para que os gobernos poidan atopar ámbitos de acordo e resolver problemas xuntos.

A Xunta de Galicia comparte os altos ideais da Organización na súa loita contra a violencia e a pobreza e en prol do desenvolvemento, a igualdade, o respecto aos dereitos humanos e a paz e súmase hoxe, 24 de outubro de 2016, ao seu 71º aniversario.