A Xunta vén de informar aos concellos afectados da orde de axudas para a reparación dos danos pola vaga de lumes

Os delegados territoriais da Administración autonómica están a manter reunións cos representantes municipais e explicaron o destino dos case 21 millóns habilitados
Publicado por o día 31/10/2017 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta vén de informar aos concellos afectados da orde de axudas para a reparación dos danos pola vaga de lumes

A Xunta vén de informar aos concellos afectados da orde de axudas para a reparación dos danos pola vaga de lumes. Durante todo o día os delegados territoriais da Administración autonómica en Ourense, Vigo, Pontevedra e Lugo están a manter encontros cos alcaldes afectados para detallarlles a orde de axudas publicada onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) e as actuacións directas previstas, que suman no seu conxunto un investimento de case 21 millóns de euros.

A orde establece as bases reguladoras das axudas previstas polo Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017.

Mediante esta Orde, que prevé un investimento de máis de 11 millóns, desenvólvese o Decreto e facúltase ás consellerías e as entidades do sector público para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións e medidas necesarias para a súa aplicación.

A orde estrutúrase en oito capítulos que se corresponden coas consellerías que teñen atribuída a competencia para a convocatoria e resolución das axudas, que son a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Consellería de Facenda, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda (Instituto Galego da Vivenda e Solo), a Consellería de Economía, Emprego e Industria (a través do Instituto Galego de Promoción Económica), a Consellería do Medio Rural, a Consellería do Mar, a Axencia Turismo de Galicia e a Secretaría Xeral para o Deporte.

Ademais, a Xunta de Galicia investirá 9,8 millóns en actuacións directas das consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural, Economía, Emprego e Industria e Infraestruturas e Vivenda, co obxectivo de reparar os danos causados polos lumes.