A Xunta xa concedeu apoios a máis de 3.500 fogares galegos para a mellora de cociñas e baños a través do programa Reforma17

O programa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, desenvólvese por terceiro ano consecutivo, desde 2015, e xa ten facilitado reformas en máis de 10.000 fogares e mobilizado 75 millóns de euros
Por o 10/12/2017 | Sección: Economia
A Xunta xa concedeu apoios a máis de 3.500 fogares galegos para a mellora de cociñas e baños a través do programa Reforma17

O director do Igape, Juan Cividanes, salientou esta semana en Ames, durante unha visita á empresa Segundo Rey, que a Xunta leva apoiado este ano obras de mellora en cociñas e baños de 3.500 fogares galegos, ao abeiro do programa Reforma 17. A iniciativa, da que está a piques de pecharse a resolución da convocatoria, desenvólvese coa colaboración da Asociación de Empresarios de Materiais de Construción (Asemaco) e dos 427 establecementos adheridos ao programa, un 10% máis que na pasada edición.

Na visita a esta entidade colaboradora do programa, Cividanes apuntou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria facilitou así, a través do Reforma17, unha facturación de aproximadamente 12 millóns de euros nos establecementos de materiais de construción, inducindo unha mobilización estimada, polo de agora, de 24 millóns de euros, tendo en conta a actividade económica xerada no ámbito das reformas. Nesta convocatoria colaboran un total de 343 empresas con 427 establecementos.

O programa desenvólvese por terceiro ano consecutivo, desde 2015, e xa ten facilitado actuacións en máis de 10.000 fogares mediante a mobilización duns 75 millóns de euros, sumando a facturación por vendas de mobiliario para cociñas e baños e as correspondentes obras de modernización.

O director do Igape subliñou que o obxectivo da iniciativa, que contempla rebaixas de ata o 40% nos custos de produtos e mobiliario de cociñas e baños, é estimular a demanda e o emprego entre as pequenas empresas e os autónomos que traballan neste ámbito. O programa suma unha axuda pública directa do 20% dos custos e un desconto equivalente a aplicar polas entidades colaboradoras.

Estes establecementos de distribución de materiais de construción foron os encargadas de recibir e tramitar telematicamente as solicitudes de axuda dos particulares interesados en acollerse ao programa. Como na anterior edición, o custo mínimo dos produtos adquiridos foi de 1000 euros, e as axudas públicas concedidas oscilan entre un mínimo de 200 e un máximo de 1000 euros.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.