O xurado do concurso para a nova ponte peonil sobre o Miño visita mañá as beiras de tomiño e cerveira

O deputado Uxío Benítez explica que o convite permitirá visualizar ‘in situ’ como encaixarían as propostas presentadas na realidade
Publicado por o día 18/01/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

O xurado do concurso para a nova ponte peonil sobre o Miño visita mañá as beiras de tomiño e cerveira

O xurado cualificador e o comité técnico asesor do concurso de ideas para a nova ponte peonil sobre o Miño trasladaranse mañá a Tomiño e Vilanova de Cerveira para visitar o treito do río no que se instalará o futuro viaduto e contrastar na realidade como encaixarían as propostas presentadas. O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez destacou a singularidade dunha contorna na que conflúen elementos naturais e patrimoniais como a Fortaleza de Goián ou parque do Castelinho, e instou aos membros da comisión de valoración que sexan “sensibles á personalidade do espazo”.

“Pretendemos crear o primeiro europarque transfronteirizo da Península Ibérica. Para nós a ponte é algo máis que unha infraestrutura en si: é a ferramenta para unir dous países nun único espazo conxunto”, explicou o nacionalista. O encontro, organizado polo Concello de Tomiño e a Câmara de Cerveira, incluirá o cruce en barco do río -se a climatoloxía o permite- para dispoñer de todas as perspectivas posibles de cada un dos 24 deseños que están a ser valorados. Despois haberá unha comida de ‘confraternidade’ entre membros das entidades lusas e galegas.

Unha vez o xurado teña feitos todos os seus apuntamentos ‘in situ’ sobre o espazo, os membros do comité deberán analizar de forma particular cada proposta para, o 1 de febreiro, poñer en común as súas aportacións e puntuar de xeito oficial cada proposta. Nesa nova reunión elixiranse os tres mellores candidatos para o deseño final e un de reserva.

A redacción do deseño da nova ponte peonil e ciclista sobre o Miño está encadrada no proxecto VISIT_RIO_MINHO, que foi presentado á primeira convocatoria do Programa Operativo España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 Interreg V-A, nunha candidatura conxunta liderada pola Deputación de Pontevedra coa CIM Alto Minho, e cos concellos do norte de Portugal, a Fundación CEER, o Centro Tecnolóxico do Mar e a Universidade de Vigo. O proxecto obtivo un cofinanciamento do 75% de fondos FEDER, cun orzamento total aprobado de dous millóns de euros e unha achega da Unión Europea que ascende a 1.500.000 euros.