O xurado revela este mércores o proxecto gañador do concurso da Panificadora

O gañador sairá das 34 propostas presentadas e recibirá 50.000 euros polo proxecto e 75.000 para a redacción da planificación do ámbito urbanístico, segundo explicou hoxe Abel Caballero. O xurado do concurso convocado polo Concello reúnese este mércores 15 de marzo pola mañá.
Publicado por o día 13/03/2017 na sección de Concello de Vigo,Vigo
O xurado revela este mércores o proxecto gañador do concurso da Panificadora

O vindeiro mércores Vigo coñecerá a proposta gañadora para a rehabilitación da Panificadora tras a reunión do xurado do concurso convocado polo Concello, nunha sesión que comeza ás 11 horas da mañá, e na que fará público o proxecto de rehabilitación gañador e, polo tanto, o nome do arquitecto responsable e as pautas coas que se vai desenvolver toda a recuperación.

O concurso recibiu un total de 35 propostas, das que unha foi excluída por causas formais, polo que o xurado deberá escoller unha entre 34. O gañador recibirá 50.000 euros polo proxecto e 75.000 euros adicionais para a redacción da planificación de todo o ámbito urbanístico da Panificadora.

Tal e como expuxo Abel Caballero, o Concello destina 2 millóns de euros do presuposto de 2017 para este desenvolvemento e o Consorcio da Zona Franca de Vigo reservou 4 millóns de euros. Unha vez coñecido o proxecto gañador, procederá a redacción do mesmo, a expropiación dos terreos precisos e realización da nova Panificadora.