Xuristas de España e Sudamérica debateron no campus sobre os novos desafíos do Dereito

No IV Coloquio Internacional de Investigadores desde ámbito, organizado por docente de Vigo e León
Publicado por o día 22/10/2017 na sección de Universidade de Vigo

Xuristas de España e Sudamérica debateron no campus sobre os novos desafíos do Dereito

Promover un diálogo crítico nun ambiente multidisciplinar entre investigadores novos e novas e poñer en valor e difundir os proxectos de investigación que teñen en curso. Estes son os obxectivos principais do IV Coloquio Internacional de Investigadores en Dereito, que se celebra este venres na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Este evento é a continuación dun proxecto interdisciplinar que se iniciou no curso 2013/2014, coordinado polas universidades de León e Federal de Pernambuco (Brasil), entidades ás que se uniu a Universidade de Vigo un ano máis tarde. Tras realizar simposios en León e Pernambuco na primeira e terceira edición e en Ourense na segunda, nesta ocasión é a quenda do campus de Vigo como anfitrión para o coloquio, como explica a profesora Carmen Montesinos, que dirixe o evento en colaboración coa docente Tamara Álvarez Robles, da Universidad de León. Para esta cuarta edición, contan tamén coa colaboración da Universidad Nacional Autónoma de México e a Universidad Técnica de Bolívar, de Cartagena de Indias. No acto inaugural, as dúas docentes estiveron acompañadas da decana do centro, Almudena Bergareche.

A profesora Montesinos destaca que a finalidade deste evento é xerar un foro de debate e intercambio entre profesoras e profesores novos, investigadoras e investigadores pre e postdoutorais e alumnas e alumnos de mestrado, para poñer así en valor os seus proxectos de investigación. “O fin último é favorecer a discusión investigadora nun espazo aberto a todos aqueles traballos que, centrados na disciplina do Dereito, afonden nos novos desafíos aos que hoxe nos enfrontamos na súa análise e aplicación, xa sexa dende as áreas de coñecemento do Dereito Público, ou dende as propias do Dereito Privado”.

31 comunicacións e seis mesas de traballo

Ao longo da mañá desenvolvéronse tres mesas de traballo paralelas, e outras tantas pola tarde, nas que se presentaron 31 comunicacións de especialistas procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo, así como de diversas universidades españolas, como as das Palmas de Gran Canaria, Salamanca, València, Pontificia de Comillas, León, Girona e Autónoma de Madrid e tamén de institucións estranxeiras como a Universidad Nacional Autónoma de México e a Universidade do Porto.

Nestas sesións simultáneas, e divididos por áreas de coñecemento, os participantes neste coloquio abordaron algúns dos novos desafíos na investigación e aplicación do Dereito, abarcando cuestións de tanta relevancia como o Dereito electoral, os partidos políticos e as garantías da Constitución, debatendo sobre sistemas electorais, control parlamentario, o papel do Tribunal Constitucional ou o Dereito comparado. Outro dos temas centrais do simposio foron os dereitos fundamentais no ámbito laboral do século XXI, debatendo sobre temas como o plan nacional en materia de dereitos e empresas, os dereitos colectivos de traballadores, o uso de símbolos relixiosos, ou internet no ámbito laboral. Outra das mesas abordou a publicidade e o acceso á información, con traballos sobre o delito de publicidade enganosa, o secreto de actuacións ou a ciberseguridade. A eficacia dos dereitos fundamentais centrou outra parte do coloquio, na que os participantes afondaron en temas de grande actualidade, como as cláusulas solo, o dereito á vivenda, o aloxamento colaborativo, o xénero e a libre determinación do corpo ou os dereitos das persoas con enfermidade mental. Do mesmo xeito, tamén se abordaron algúns dos principais desafíos actuais do Dereito civil, mercantil e tributario.

A xestación por substitución

O programa do coloquio comprendeu tamén unha sesións plenaria organizada polo Departamento de Dereito Constitucional, en colaboración coa Unidade de Igualdade, que se centrou na xestación por substitución. Esta parte do coloquio, dirixida pola profesora e decana do centro, Almudena Bergareche, tivo por obxectivo afondar nas cuestión xurídicas dun tema “conflitivo e duro”, como destacaba a docente. Para xerar esta achega de visións contrapostas, a organización tratou de incluír na mesa expertas con opinións diversas acerca dunha apertura da lexislación española cara este suposto cun proxecto de lei que acepte a xestión subrogada. Así, participaron nesta sesión a profesora María Concepción Torres, da Universidad de Alicante e secretaria da Red Feminista de Derecho Constitucional, que presentou un relatorio centrado no discurso xurídico sobre o corpo das mulleres e “a artificiosa construción do dereito á xestación por substitución”. Pola súa banda, Ana Isabel Marrades, da Universitat de València e secretaria do Instituto Universitario de Estudios de la Mujer, presentou unha comunicación titulada A xestación por substitución: a dignidad e os dereitos. María Díaz, da Universidad de Alcalá, realizou un achegamento á xestación por substitución dende as leccións aprendidas dende o Dereito Internacional dos Dereitos Humanos. Finalmente, Antonia Durán, da Universidad de Salamanca, centrouse nas “incoherencias xurídicas e medias verdades” e explicou por que considera necesario regular en España este tipo de xestación.