Xustiza, Emerxencias e Cooperación ao Desenvolvemento centran as subas nas contas de Vicepresidencia para 2018

A Xunta destina 1,7 millóns á comarcalización de parques de bombeiros das cidades e iniciará de inmediato o diálogo con outras administracións
Publicado por o día 30/10/2017 na sección de Xunta de Galicia

Xustiza, Emerxencias e Cooperación ao Desenvolvemento centran as subas nas contas de Vicepresidencia para 2018

O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, compareceu hoxe na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia para explicar os orzamentos do seu departamento para o vindeiro exercicio 2018, onde Administración de Xustiza, Emerxencias e Cooperación para o Desenvolvemento centran os incrementos nas contas de Vicepresidencia, que se incrementan un 7,34 por cento a nivel global.

O vicepresidente destacou especialmente os investimentos que se levarán a cabo no eido da Xustiza, que un ano máis volve a ver incrementado o seu orzamento, neste caso en 11,5 millóns de euros, ata superar os 150 millóns de euros para a xustiza galega no vindeiro exercicio, incluída a achega que leva a cabo a Amtega para a modernización tecnolóxica das sedes xudiciais.

Boa parte deste investimento en xustiza permitirá darlle un pulo importante ao Plan de Infraestruturas Xudiciais, estando previsto que ao longo do vindeiro ano se remate o edificio xudicial de Pontevedra –no que se terán mobilizados en total case 20 millóns de euros-; que se avance nas obras para facer do antigo Hospital Xeral de Vigo a nova Cidade da Xustiza –cun custe total de máis de 25 millóns de euros- e concentrar nun só edificio en Tui todas as dotacións da vila –cunha obra que custará 2,1 millón de euros-.

Así mesmo, hai que recordar que o vindeiro ano Galicia contará con 4 novos xulgados, que contarán coa dotación pertinente por parte da Xunta, que está ademais disposta a asumir novas unidades xudiciais e poñelas en marcha se o Ministerio de Xustiza decide crealas, segundo sinalou Alfonso Rueda na súa comparecencia na Cámara.

Tamén no eido da xustiza, está previsto que se consoliden en 2018 un total de 36 prazas de reforzo que levan anos sendo cubertas por interinos; manteranse os reforzos nos xulgados de cláusulas chan; seguirase a apostar pola mediación; e consolidarase o incremento económico efectuado ao longo deste ano na xustiza gratuíta, que foi de 1 millóns de euros e ao que agora se engadirán outros 200.000 euros a maiores.

Mellora en emerxencias

Outro dos ámbitos máis destacados polo conselleiro de Presidencia foi o das emerxencias, onde o vicepresidente lembrou os grandes avances experimentados nos últimos anos, pasando de só 7 parques de bombeiros en 1999 a máis de 30 na actualidade, con 4 consorcios provincias, 24 GES e máis de 200 agrupacións de voluntarios de Protección Civil.

Rueda salientou a marxe de mellora aínda existente e nesa liña, avanzou que mañá mesmo a Xunta ten convocadas ás deputacións e á Fegamp para abordar a posibilidade de homologar a prestación do servizo dos diferentes consorcios e comarcalizar os parques de bombeiros das grandes cidades, unha medida para a que o Goberno galego xa ten consignados 1,7 millóns de euros nos orzamentos para o vindeiro ano.
O vicepresidente aproveitou para pedir a deputacións e concellos a mesma vontade e compromiso orzamentario e recordou que, precisamente, son as administracións competentes na materia. En todo caso, subliñou que a Xunta manterá a súa participación económica para o funcionamento dos consorcios contraincendios, os GES e os voluntarios de Protección Civil e destacou que, de feito, a Xunta aporta máis do 60% do orzamento que as administracións públicas dedican ás emerxencias en Galicia.

En canto ao ámbito da seguridade, as contas da Vicepresidencia para 2018 recollen máis medios técnicos para a Policía Autonómica, cunha nova sede en Ourense e 12 novos vehículos, que se suman aos 30 novos cos que finalizarán este mesmo ano. Ademais, e por primeira vez, a Agasp levará a cabo un proceso de selección centralizado das policías locais de todos os concellos que o requiran.
Igualdade

Outra das prioridades da Vicepresidencia segue a ser a da procura da Igualdade, e moi especialmente a loita contra a violencia de xénero, un eido no que o vicepresidente fixo fincapé no incremento do 11,6% no apoio económico ás mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Ademais, seguiranse a apoiar as políticas de igualdade dos concellos con 3,3 millóns de euros, contribuíndo ao mantemento da rede de 82 Centros de Información á Muller, que dan servizo a máis de 200 concellos. Tamén haberá 1,3 millóns de euros para políticas de conciliación e apoio orzamentario para o asociacionismo feminino e para o movemento asociativo do colectivo LGTBI.

En canto a violencia de xénero, as medidas específicas para erradicala contarán cun orzamento global de 5,4 millóns de euros, o máis alto da autonomía. Neste ámbito, destaca especialmente que se duplica a partida destinada á atención psicolóxica para mulleres vítimas de violencia de xénero.

Outros eidos

Outra das principais subidas do orzamento rexístrase na partida destinada a cooperación ao desenvolvemento, que se incrementa nun 11,4%, ata chegar aos 5 millóns de euros. Tamén en materia de Acción Exterior cabe destacar que se seguirá a afondar na cooperación con Portugal, que se participará activamente na defensa de Galicia ante as institucións europeas e que se seguirá a traballar no foro galego do Brexit, para avaliar o seu impacto.

En materia de Administración Local, catro quintas partes do centro directivo van parar directamente aos concellos galegos. En primeiro lugar, coa Orde de Infraestruturas e equipamentos, que se incrementa un 16,8 por cento para o vindeiro exercicio; á que se suman tamén as ordes do Fondo de Compensación Ambiental e de asociacións veciñais; así como o Fondo de Cooperación Local, que se incrementa case nun 3,5 por cento ata chegar aos 125,5 millóns.

Outro dos investimentos máis salientables da Vicepresidencia para o vindeiro ano vai destinado ás obras de restauración do complexo administrativo de San Caetano, cuxo anuncio se publicará no Diario Oficial de Galicia a semana que vén, se executarán nos vindeiros meses e está previsto que rematen a finais do 2018.

Por último, a Dirección Xeral de Avaliación seguirá a traballar na axilización e modernización das relacións entre a administración e a cidadanía; o orzamento da EGAP incrementarase un 1,5% respecto a este ano, no que contou coa máis ampla oferta formativa da súa historia; a Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias seguirá a encargarse das relacións coa Cámara e co Estado; e a Asesoría Xurídica Xeral, ademais das súas funcións habituais, preparará en 2018 unha Guía sobre a elaboración das disposicións de carácter xeral.