A XVIII Festa do Polbo de Bueu ofrece unha veintena de especialidades esta fin de semana

O pregoeiro será David Novas, recoñecido actor da vila que ten participado en series como Serramoura ou Vidago Palace e que será profeta na súa terra o sábado ás 12.00 horas.
Publicado por o día 11/08/2017 na sección de Alimentación,Bueu,Eventos,Galicia

A XVIII Festa do Polbo de Bueu ofrece unha veintena de especialidades esta fin de semana

O Concello de Bueu, xunto coa Confraría de Pescadores San Martiño, organiza do 11 ao 13 de agosto a décimo oitava edición da Festa do Polbo, que se celebrará no campo da Estacada e que ofrecerá a posibilidade de degustar arredor dunha vintena de especialidades e formas de cociñar este cefalópodo.

A concelleira de promoción económica e turismo de Bueu,Silvia Carballo, destacou que se trata dunha festa que “non só é gastronómica, senón que tamén ten un cariz de promoción do produto da nosa ría”. Por iso, e co obxectivo de que o polbo certificado coa marca PescadeRías sexa valorizado, organizarase o xoves 10 de agosto unha visita á Praza de Abastos de Bueu, na que os asistentes terán a posibilidade de aprender sobre a pesca e a venda deste produto, así como das diversas formas de cociñalo. Para esta actividade contarase coa colaboración de PescadeRías e do restaurante O Rincón de Cela.

A festa arrancará o 11 de agosto ás 19.30, momento dende o que xa se poderá gozar das especialidades e do polbo á feira, que tamén serán ofertados o sábado de 12.30 a 16.30 e de 19.30 a 00.00, e o domingo, das 12.30 a 16.30 e das 20.00 a 00.00 horas. As variedades terán un custe de 5.00 € e de 8.50 €, segundo a ración, e serán ofrecidas por dous establecementos: O Rincón de Cela e Frigoríficos Rosa de los Vientos.

Especialidades
Rosa de los Vientos ofrecerá, por un custe de 5.00 €, empanada de polbo de trigo, empanada de polbo de millo, croquetas de polbo á feira, arroz de polbo, fabas con polbo e paté de polbo á feira; e por 8.50 €, polbo á prancha con cachelos, polbo frito en Aires de Jaén, polbo á feira, e polbo en caldeirada. Pola súa banda, O Rincón de Cela presentará empanada de polbo de millo e trigo, wok de polbo, e croquetas de polbo, todas por 5.00 €; mentres que por 8.50 €, os e as comensais poderán probar o polbo á feira, o polbo á prancha, polbo en caldeirada, a pizza de polbo, e o carpaccio de polbo con ourizos e afumado guerande.

A que será a festa máis especial e emotiva, inclúe a actuación da Banda de Gaitas Manxadoira o sábado, seguida do pregón a cargo de David Novas, modelo e actos nado en Bueu e que ten participado en series tan recoñecidas como Serramoura ou Vidago Palace, ademais de ser da canteira do grupo de teatro do IES Johán Carballeira coñecido como Comediantes Anónimos. Durante a rolda de prensa de presentación do pasado venres no Museo Massó, o actor mostrou o seu agradecemento por esta oportunidade e declarou que “cando o talento é loado fóra, que mellor que te recoñezan na casa”.

Félix Juncal, alcalde da vila, asegurou que, “esta edición será a máis especial, xa que se fusionará comida, espectáculo e divertimento”, e que se trata dun evento moi consolidado que xa está no imaxinario colectivo.

Actuación de Pelepau
Dado que o ano pasado se contou co grupo Treixadura e resultou unha experiencia complementaria moi interesante para este evento, desta volta será a quenda de Pelepau, un grupo vigués conformado por doce percusionistas todos eles mestres en escolas e agrupacións de música tradicional de recoñecido prestixio nacional.

A actuación terá lugar o domingo, 13 de agosto, ás 19.30 horas, na mesma carpa do Campo da Estacada.