O Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) acollerá a partir de mañá, 23 de novembro, e ata o venres 25 de novembro, a XXVI Semana de Cine Submarino que organiza a Universidade de Vigo e que conta coa colaboración de Afundación.
Máis de 1300 estudantes procedentes de centros escolares da cidade e comarca participan desta iniciativa estruturada en dúas sesións diarias, ás 10.00 e ás 12.00 h.
Un total de dúas pezas compoñen a oferta audiovisual do ciclo, O choco: baixo as ondas da enseada de San Simón, dirixido por Manuel E. Garci e Jorge H. Úrcera y Espejo líquido de Rafa Herrero Massieu. Ambas as dúas producións están centradas no ecosistema mariño e na flora e fauna de Galicia e España.
OS FILMES
Dirixida por Manuel E. Garci e Jorge H. Úrcera, a mediametraxe O choco: baixo as ondas da enseada de San Simón, de 18 minutos de duración, é unha descrición pormenorizada do ecosistema da enseada de San Simón na ría de Vigo. É este un lugar idóneo para o desove do choco polas especiais condicións da zona. Alí atópanse extensos campos de Zostera marina ou seba, unha herba adaptada á vida no mar e sobre a cal os chocos depositan a súa posta. Captúranse anualmente nas súas augas 50 toneladas desta especie comercial. A enseada de San Simón é tamén parte do hábitat de especies migradoras como a anguía, a lamprea e o salmón atlántico.
Espejo líquido (2016), baixo a dirección de Rafa Herrero Massieu, dá unha visión diferente do mar a través de pequenas historias duns seres únicos que souberon adaptarse a un mundo hostil, onde a vida e a morte se mesturan cada día. Unha aventura que nos mergulla no misterio, a beleza e as orixes do océano e os seus moradores. Unha combinación poética de imaxes, música e literatura para gozar do maior ecosistema do planeta azul.
Noticias de última hora en Vigo