Yolanda Díaz amosa a súa solidariedade coas protestas dos pilotos de helicópteros Babcock dos servizos de emerxencia

Publicado por o día 29/05/2019 na sección de En Común Unidas Podemos,Política

Yolanda Díaz amosa a súa solidariedade coas protestas dos pilotos de helicópteros Babcock dos servizos de emerxencia

A deputada Yolanda Díaz participou este mércores na concentración de apoio ao persoal de Babcock, que traballan nos Servizos de Emerxencia en Galicia, e que levan máis dunha semana en folga.

«Amosamos a nosa solidariedade cos traballadores dos servizos de emerxencia, estamos a falar das emerxencias sanitarias, de extinción de incendios e marítimas, son inconcebibles as condicións nas que traballan», afirmou a deputada.

Díaz lembrou que a Xunta impediu a En Común a visita das instalacións cos traballadores para evitar dar a coñecer a precariedade coa que traballan.

«Esta precariedade pon en risco os servizos de emerxencias. Estamos diante dunha medida que é moi grave, a empresa está facendo isto pola reforma laboral», afirmou Díaz, que reclamou de novo a necesaria derogación da reforma laboral,

Os traballadores teñen na actualidade denunciado o seu convenio colectivo, pero «a multinacional está presionando para empeorar as condicións laborais e precarizar aínda máis».

«Ata que non se negocie un novo convenio deberían manterse as condicións do convenio anterior. A empresa está gañando beneficios e precarizando as condicións dos traballadores», insistiu a deputada.

Os representantes sindicais aseguran que a súa protesta é pola decisión unilateral de aplicar unha precarización nas condicións de traballo.

«Estamos obrigados a mobilizarnos para darlle visibilidade ao noso traballo. O 2 de abril comunicáronnos que querían modificar as nosas condicións de traballo. Temos que poñernos en pé de guerra, ninguén acepta que precaricen as súas condicións de traballo sen que haxa xustificación nin razóns de peso», asegurou Pablo Vázquez.

Pola súa banda, o tamén representante sindical, Guillermo Lavia, lembrou que os traballadores arrastran precariedades laborais dende hai varios anos.

«Estamos reclamando que facemos 2.000 horas de traballo sen contar coas nosas vacacións. É unha situación que non é sostible», afirmou.

Os traballadores convocaron a folga pola «abusiva proposta de redución salarial de entre un 13% e un 30% que quere aplicar a empresa BMCS España, de xeito unilateral e que invalida todo o conseguido no último convenio de empresa».

Comentar noticia

Your email address will not be published.