Yolanda Díaz defende no Congreso un novo plan industrial para Navantia

Publicado por o día 16/03/2016 na sección de En Marea,Política

Yolanda Díaz defende no Congreso un novo plan industrial para Navantia
  • “A xestión que practica o PP con Navantia vai na senda contraria á que defenden os sindicatos e toda a comarca de Ferrol”, denunciou Yolanda Díaz.

 A deputada Yolanda Díaz defendeu esta mañá na Comisión de Facenda do Congreso dos Deputados a proposición non de lei presentada por En Marea solicitando un plan industrial que garanta o futuro dos estaleiros Navantia-Fene e Navantia-Ferrol.

“É un honor para esta portavoz defender o sector naval, sustancial para a comarca que represento, Ferrolterra, para o conxunto do Estado e para Galicia. Unha Galicia que dende que está gobernada polo señor Feijóo perdeu 55 mil postos de traballo industriais mentres vemos como as gradas de Navantia permanence baleiras”, comezou Yolanda Díaz a súa intervención. “A xestión que practica o PP con Navantia non só é mala, se non que vai na senda contraria ao que defendemos na comarca de Ferrol, o que denfendemos as forzas plurais de esquerda, o que defenderon os sindicatos de clase nos últimos anos e o que defende o sentido común”, engadiu.

A Proposión Non de Lei, á que se incorporaron as demandas do sindicatos de Navantia, recolle quince puntos fundamentais para o sector naval en Ferrol. Entre eles a construción dun novo dique para construir buques máis grande, a descentralización dos departamentos ou a construción das fragatas F-110 para a Armada. “Xa non está o señor Almunia en Europa e xa non hai veto para que fagamos o sabemos facer, que son buques de alto valor engadido. Nun gran estaleiro coma Navantia-Fene estanse construíndo exclusivamente jacketspara Iberdrola, que ocupan a centralidade da grúa pórtico e impiden a compatibilidade coa construción civil tradicional. Un guiño máis do PP ás privatizacións indirectas pois o estaleiro está a disposición dunha empresa que ocupa todas e cada unha das súas disposicións. Ademais Navantia-Ferrol precisa unha nova infraestrutura para potenciar a área de cadeas e reparacións pero sobre todo para permitir que os novos buques con mangas máis anchas trala inauguración da nova canle de Suez poidan entrar ao noso dique”, reclamou Yolanda Díaz.

Para En Marea a viabilidade e o futuro dos estaleiros da ría de Ferrol pasa por ampliar e renovar os planteis de traballadores e profesionalizar o cadro directivo. “Vivimos momentos grotescos vendo como se durmía o presidente de Navantia nunha negociación cos traballadores mentres discutiamos a construción do dique flotante. Navantia ten 300 traballadores dos que 260 teñen unha media de 60 anos”, denunciou a deputada de En Marea.

Yolanda Díaz rexeitou as enmendas presentadas polo deputado do PSOE Ricardo García Mira, “pois reformar a organización interna enfocada ao produto e á redución de custes e procesos vai na senda oposta ao que está pedindo a comarca de Ferrol”, as do PP formuladas polo deputado Juan Manuel Juncal “por consideralas antagónicas á iniciativa presentada por En Marea” e as de Ciudadanos “pois vinculan a toma de decisións á viabilidade económica e retira a negociacion coa parte sindical”.

PRENSA EN MAREA