Yolanda Díaz e Adoración Guamán debaten en Vigo sobre o nefasto efecto dos tratados de libre comercio na Semana de Loita Contra as Causas da Pobreza

Por o 12/10/2016 | Sección: Esquerda Unida,Vigo
Yolanda Díaz e Adoración Guamán debaten en Vigo sobre o nefasto efecto dos tratados de libre comercio na Semana de Loita Contra as Causas da Pobreza

O Auditorio do Paraninfo do antigo Rectorado da Universidade de Vigo foi o escenario onde Esquerda Unida Vigo organizou este martes o coloquio que levaba por título “O efecto dos tratados de libre comercio sobre o emprego”, impartido por Adoración Guamán e Yolanda Díaz e enmarcado na Semana de Loita Contra as Causas da Pobreza.

A encargada de presentar a charla, Yolanda Díaz, coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada no Congreso por En Marea, manifestou que “estes tratados representan unha arma que supón unha chantaxe por parte da oligarquía de ambos lados do Atlántico á soberanía dos pobos”.

Pola súa banda, Adoración Guamán incidiu na análise da precarización socio-laboral, o efecto do libre comercio sobre os dereitos sociais e as vías de protección e promoción dos mesmos. Guamán é autora entre outras publicacións do libro «TTIP. El asalto de las multinacionales a la democracia» (Akal, 2015) e profesora de Dereito do Traballo na Universitat de València, doutora polas universidades de Paris X-Nanterre e Valencia, Licenciada en Ciencias Políticas e directora do Máster en Dereito Electoral e Observación Electoral Internacional.

Para Esquerda Unida, impedir a saída do TTIP (Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos) e o CETA (Acordo Económico e Comercial Global con Canadá) é fundamental para evitar a agresión á clase traballadora, por todo isto, nos sumamos ás mobilizacións europeas que terán lugar o 15 de outubro e animamos á cidadanía a participar activamente.