Yolanda Díaz reúnese cun centenar de traballadores/as da xustiza que levan máis dunha semana en folga

A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, pedirá explicacións ao Ministro de Xustiza polas desigualdades que está sufrindo Galicia.
Publicado por o día 16/02/2018 na sección de En Marea,Política

Yolanda Díaz reúnese cun centenar de traballadores/as da xustiza que levan máis dunha semana en folga

A deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, mantivo esta mañá unha xuntanza con traballadoras e traballadores de Xustiza que levan en folga indefinida desde hai unha semana. A reunión, á que asistiron ao redor dun cento de persoas celebrouse na antiga Audiencia Provincial de A Coruña.

A deputada de En Marea, en declaracións a medios ao remate da xuntanza, sinalou que “estamos apoiando as demandas das traballadoras e dos traballadores por razóns de igualdade. Están reclamando as mesmas condicións que teñen noutras comunidades autónomas”.

Díaz denunciou os motivos polos que “ nos maltratan así ás galegas e aos galegos. Por que non podemos ter as mesmas condicións tanto de retribución como de protección social? O Goberno nunca está onde ten que estar!”, sentenciou Díaz Pérez.

Neste senso afirmou que En Marea está do lado da función pública, do interese xeral e das traballadoras e traballadores que fan posible que funcione a Xustiza neste país a pesar das condicións deficitarias que teñen na actualidade.

Yolanda Díaz recolleu as demandas das traballadoras da Xustiza, para trasladadas, dentro das competencias estatais, ao Congreso dos Deputados a través de varias iniciativas parlamentarias. De feito, tal e como sinalou a deputada de En Marea, “imos presentar unha batería de preguntas para que o ministro de Xustiza de explicacións de por que permite esta infamia no caso de Galicia. Queremos que esta reivindicación chegue ao Congreso. Seguiremos traballando para que na administración pública de xustiza teñamos as mesmas condicións”.

Finalmente, Yolanda Díaz agradeceu ás traballadoras e traballadores da Administración Pública da Xustiza a defensa que están a facer dun servizo público que queremos siga sendo de calidade. “Grazas por loitar polo ben común do conxunto da cidadanía”.