Yolanda Díaz: “Señor Feijóo prepárese porque o domingo imos a Madrid pero o vindeiro ano imos a por vostede”

Publicado por o día 17/12/2015 na sección de Elecciones Generales,En Marea,Política

Yolanda Díaz: “Señor Feijóo prepárese porque o domingo imos a Madrid pero o vindeiro ano imos a por vostede”

Martiño Noriega: “Acúsannos de roubar o Nadal pero son eles os que lle rouban o Nadal aos xoves que teñen que emigrar, aos desafiuzados, aos traballadores pobres, aos que non poden pagar a calefacción”

Xosé Manuel Beiras: “Cando agriden ao pobo galego están a refusilar á Bóveda e non o imos tolerar”

Xaime Subiela: “O infernos derrótase por asalto, o ceo constrúese en colectivo. E iso é o que fará En Marea”

 O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, foi o encargado de presentar o mitin de En Marea que esta tarde chegou a Compostela para unha vez máis berrar ‘Hai Marea’ e anunciar que o vindeiro domingo sen dúbida chegará á Madrid. O alcalde compostelá comezou poñendo en valor a vitoria das Mareas municipalistas que foron quen de gañar as eleccións e demostrar que o cambio é posible e que entre todos e todas podemos mudar as cousas. “Acúsannos de roubar o Nadal, cando a realidade é que son eles os que lles están a roubar o Nadal aos miles de xoves que teñen que emigrar porque non atopan traballo na súa terra, aos miles de persoas condenados á pobreza, aos desafiuzados, aos traballadores que pese a ter traballo seguen sendo pobres, aos que non poden pagar a calefacción ou a luz” salientou Martiño Noriega.

“Todos os domingos organizamos este Nadal unha chocolatada, comezaron o pasado domingo e foi moita xente. Os medios do réxime dicían que estaba o so o alcalde acompañado polos seus amigos, ‘los pies negros’. No seu mundo ideal a pobreza molesta. Isto é fascismo” sentenciou Noriega.

O alcalde defendeu que “temos que impugnar a forma e o fondo, reclamar solidariedade, reclamarnos na universidade, por as políticas das persoas diante dos poderes económicos”. “Estamos aquí para cambiar as cousas” concluíu.

A número 5 de En Marea pola Coruña, Flora Miranda, comezou a súa intervención dicindo: “non son política profesional, son cidadá, médica e nai e traballarei pola sanidade pública, pola educación pública, contra os recortes, contra as privatizacións, polos servizos públicos. “Imos ao Estado e despois as autonómicas” anunciou. Como profesional do Sergas, denunciou os recortes e as políticas agresoras coas que están a atacar á maioría social, deixando fora aos inmigrantes sen tarxeta sanitaria, deixando a loita contra a drogodependencia sen recurso ou privatizando o sistema sanitario público. Pero non so a sanidade, tamén a Educación con aulas saturadas, fomentando a desigualdade, recortando na diversidade acabando co carácter gratuíto e universal da sanidade e da educación.

O número 3 ao Congreso pola Coruña, Xaime Subiela, arrancou advertindo “imos a por eles, imos a gañar” porque “o inferno derrótase por asalto, o ceo constrúese en común” e iso é o que vai facer En Marea. “Non queremos que a xente suplique, queremos un estado de dereitos” salientou Subiela.

O coordinador nacional de Anova In e voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, asegurou que “non hai teorización nin tese que poda ir en contra da realidade” en referencia ao proceso que está a vivir En Marea que día a día suma máis xente. “Cando para abrir espazos novos e abandonar idea de que Galicia, canalizar a enerxía do pobo galego nacionalistas ou non,  para exercernos a nosa soberanía como nación en clave de soberanía popular” declarou Xosé Manuel Beiras. “Era necesario abrir as fronteiras, pasar as fronteiras. O motor do cambio non estaba nas forzas políticas, unhas domesticáranse, outras vendéranse, outras entrarán na guerra de ti máis e preocupados porque non lle moveran os marcos das súas leiras. O motor estaba na cidadanía que se defendía a si mesma”  explicou.

“Defenderse da brigada de exterminio empoleirada en San Caetano, paramos Corcoesto, o paraches  vos. Son os cidadáns os que teñen que defender o ensino, a cultura, o idioma.. onde está o Estado? Nas cavernas maquinando estratexias para converter aos cidadáns en escravos” denunciou. “Cada vez que atacan a En Marea, cada vez que difaman, están a matar outra vez a Anxel Casal, a Camilo Díaz Baliño, aos familiares das Marías. Cando agriden ao pobo galego están a refusilar á Bóveda e non o imos tolerar” concluíu.

“Aínda que hoxe é un día de alegría, temos que lembrar que unha muller máis foi asasinada pola violencia machista. Temos que lembralo, para dicir que nunca máis imos permitir ser asasinadas polo mero xeito de ser mulleres. Chámense PP ou Ciudadanos que non o imos consentir” comezou a número 2 de En Marea a súa intervención. Yolanda Díaz quixo poñer de manifesto a faciana deste país que “son todas as persoas que tiveron que emigrar, no que temos 177.000 persoas sen protección social, un país nos que uns fan beneficio con nós e outros están sufrindo o pobo”. “Temos nunha democracia secuestrada polos poderes económicos. As decisións tómanse nos mercados e obrigan a baixar máis as pensións, o salario mínimo.. isto non é decente. Temos que reinventar a democracia para que gobernemos os máis e non eses que non se presentan as eleccións e gobernan contra nós” declarou Díaz. “Señor Feijoo prepárese porque nas seguintes imos a por vostede” advertiu.

O cabeza de lista de En Marea, Antón Gómez-Reino, unha vez máis reafirmou o compromiso de En Marea con rescatar ás persoas, rescatar á democracia, poñer as persoas sempre por diante dos bancos, dos grandes poderes económicos. É preciso un cambio, un cambio que chegará En Marea ao goberno do Estado “porque o vindeiro domingo imos gañar, porque en Galicia para á xente: Hai Marea!”

PRENSA EN MAREA