Zona Franca pon en marcha o programa “Mujeres Consejeras de Galicia”

Publicado por o día 21/06/2019 na sección de Galicia,Vigo

Zona Franca pon en marcha o programa “Mujeres Consejeras de Galicia”
Cunha mesa de traballo na que participaron quince homes e mulleres membros de consellos de administración de empresa, comezou hoxe en Zona Franca o “Mujeres Consejeras de Galicia”. Un programa que, como dixo David Regades no acto de apertura, ponse en marcha “para conseguir a necesaria diversidade de xénero nos Consellos de Administración que achegue valor á empresa galega”. Nesta apertura, ademais do delegado, tamén participaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen afirmou que “se a igualdade xa está no debate filosófico tamén debe de estar no debate económico” e a conselleira independente de Cellnex Telecom (IBEX 35) e socia de Seeliger e Conde, Marieta do Rivero, membro destacado do consello de International Women’s Forum Spain e do consello asesor de Mutualidad da Avogacía quen dixo que é preocupante a baixa porcentaxe de mulleres directivas que actualmente hai nas empresas cotizadas españolas e que se a muller non chega a postos de dirección, dificilmente poderá asumir cargos nos consellos de administración. Este programa foi deseñado en Zona Franca sobre unha proposta de Elena Espinosa quen, no seu anterior desempeño como conselleira detectou a necesidade de propoñer accións e identificar as barreiras que frean o acceso das mulleres aos Consellos de Administración.
 
Regades resaltou a importancia da cuantificación do problema da desigualdade e achegou datos como que “aínda que a presenza da muller nas sociedades cotizadas do mercado continuo español incrementouse o 3,9% durante o ano 2018, ata sumar 268 conselleiras, unha cifra que supón o 20,3% do total dos 1.320 membros dos Consellos de Administración. Este aumento aínda deixa á muller lonxe dos postos con funcións executivas e sitúaa moi lonxe de cumprir a recomendación que recolle o Código de Bo Goberno da CNMV de contar polo menos cun 30% de conselleiras en 2020.” E engadiu que “nas sociedades cotizadas españolas, a porcentaxe de mulleres conselleiras alcanzou o 18,9% sobre os total conselleiros e tan só o 14,3% de mulleres están na alta dirección”. “Temos máis datos do que sucede en España pero que sucede en Galicia? Isto é o que queremos saber con datos e iso é o que queremos coñecer cientificamente para poder acelerar o proceso” resumiu o delegado como obxectivos do programa.
 
O programa “”Mujeres Consejeras de Galicia”” terá unha duración dun ano durante o que se realizarán unha serie de mesas de debate sobre as que se aplicarán técnicas de investigación cualitativa, analizaranse casos de éxito, detectaranse os obstáculos para, finalmente, poder propoñer accións que contribúan ao avance da igualdade nas empresas de Galicia. “”Mujeres Consejeras de Galicia”” únese á liña de traballo de anteriores estudos realizados polo servizo de información empresarial Ardán sobre a “Igualdade de Xénero nas empresas de Galicia” -no que se obtivo o dato de que a representación da muller nos tramos salariais máis baixos é do 75% mentres que nos rangos salariais máis altos a representación baixa ata o 13%- e a “Clasificación de Empresas Intelixentes de Galicia” que incorporou dúas variables para a obtención do indicador e que reflicten outputs sociais: a igualdade de xénero e a circularidad.

Comentar noticia

Your email address will not be published.