A Zumba dá o pistoletazo de saída á programación deportiva estival

O programa municipal Actívate no Verán inclúe múltiples alternativas para non deixar de facer exercizo ao aire libre durante os meses de maio, xuño, xullo e agosto
Por o 26/05/2017 | Sección: Deportes,Galicia,Mos,Vigo
A Zumba dá o pistoletazo de saída á programación deportiva estival
Compartir en:

Xa deu comezo o programa deportivo Actívate no Verán coa primeira das iniciativas programadas, Zumba ao Aire Libre.

As clases de Zumba ao aire libre iniciáronse o pasado 2 de maio e continuarán desenvolvéndose ao longo do que queda de maio e os meses de xuño e xullo todos os martes e xoves en horario de 21:00 horas a 22:00 horas no parque de Costoias, na parroquia de Tameiga. Esta actividade vai dirixida á poboación en xeral e para participar non é necesiaria inscrición previa.

Por outra banda impartiranse cursiños de natación ao aire libre para os máis cativos durante os meses de xullo e agosto na Piscina de San Eleuterio. As clases impartiranse todos os martes e xoves en horario de 11:45 horas a 12:30 horas e irán dirixidas a nenos e nenas de 4 a 14 anos de idade. Nestes cursiño sí é necesario inscrición previa que poderá realizarse do 5 ao 23 de xuño na Piscina Municipal sita no Pavillón Óscar Pereiro ou no Rexistro do Concello, xa que as prazas dispoñibles son limitadas.

Tamén se impartirán clases de ximnasia na auga durante os meses de xullo e agosto dirixidas á poboación en xeral. As sesións celebraranse tamén os martes e xoves, en horario de 11:00 horas a 11:45 horas na piscina ao aire libre de San Eleuterio. As prazas tamén son limitadas e a inscrición previa poderá realizarse do 5 ao 23 de xuño na Piscina Municipal sita no Pavillón Óscar Pereiro ou no Rexistro do Concello.

Outra das iniciativas incluídas neste programa son andainas e outras actividades deportivas a desenvolver tamén durante os meses de xullo e agosto e dirixidas á poboación en xeral. Realizaranse os mércores e venres a partir das 10 da mañá nos diferentes parques do municipio comezando polo parque de Torroso. As inscricións deberán ser formalizadas do 5 ao 23 de xuño na Piscina Municipal sita no Pavillón Óscar Pereiro ou no Rexistro do Concello.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Deportes, Alberto Méndez, explicaron que “Actívate no Verán foi ideado e deseñado como un programa deportivo alternativo dotado de actividades na piscina de San Eleuterio tales coma ximnasia na auga adaptada a tódalas idades, cursiños de natación para nenos/as e, nos distintos parques biosaudables existentes no Concello de Mos, clases dirixidas e titorizadas impartidas empregando os diferentes elementos destes parques, así coma a realización de andainas colectivas aproveitandos os diversos sendeiros e sendas existentes no termo municipal mosense para darlle continuidade ao longo da tempada estival ao programa deportivo Exercítate, dirixido á terceira idade, que se imparte de setembro a xuño”.

Máis actividades incluídas en Actívate no Verán

Dentro deste programa organízanse tamén o II Trofeo de Patinaxe Rosaleira Vila de Mos, o Trofeo de Fútbol Juan Estévez ‘Nené’, a I Carreira Popular Nocturna Festa da Rosa e o Campus Infantil do Real Club Celta.

O II Trofeo de Patinaxe Rosaleira “Vila de Mos” terá lugar esta mesma fin de semana: os días 27 e 28 de maio no Pavillón Óscar Pereiro.

O Trofeo de Fútbol Juan Estévez ‘Nené’ disputarase os días 17 e 18 de xuño no Campo de Fútbol das Baloutas.

A I Carreira Popular Nocturna Festa da Rosa celebrarase o sábado 24 de xuño con saída do Pavillón Óscar Pereiro ás 20:00 horas.

Por último o Campus do Real Club Celta impartirase no Campo de Fútbol das Baloutas durante a semana do 26 ao 30 de xuño.