2020 será na UVigo o ano da divulgación científica en galego

Realizaranse múltiples iniciativas coa colaboración da comunidade investigadora

2020 será na Universidade de Vigo o ano da divulgación científica en galego. Este é o gran propósito que se marcan dende a Área de Normalización Lingüística para o vindeiro ano. Para acadalo puxéronse mans a obra, coa colaboración da Unidade de Cultura Científica e da Innovación, planificando toda unha serie de actividades que arrancarán xa a vindeira semana coa celebración de varias mesas redondas en Vigo e Pontevedra coas que se pretende amosarlle á comunidade universitaria e ao público en xeral unha dobre realidade: que o galego é unha lingua tan válida como calquera outra para facer ciencia e que a ciencia é un eido clave para a normalización da lingua.

“Na actualidade faise aínda pouca divulgación científica e, se falamos de divulgación científica en lingua galega, as cifras son aínda menores”, explica o profesor e investigador Fernando Ramallo, director da ANL, que fai fincapé na necesidade de que o coñecemento científico que xorde no ámbito universitario chegue ao conxunto da sociedade. “A poboación ten todo o dereito do mundo a formarse cientificamente e a facelo na súa lingua”, explica Ramallo, que se amosou tremendamente convencido de que hai público interesado en coñecer máis sobre aspectos diversos da ciencia que se está a facer dende a Universidade e para satisfacer esta demanda a Universidade debe, baixo o seu punto de vista, producir os contidos axeitados de forma atraínte. “Se logramos facer isto en lingua galega contribuímos de maneira obvia á normalización da lingua”, recalca o responsable da ANL.

Mesas redondas abertas ao público en xeral

En total vanse levar a cabo tres mesas redondas: unha o mércores 20 ás 19.30 horas na Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra e dúas en Vigo o xoves 21, a primeira ás 12.00 horas na sala de reunións do edificio Ernestina Otero e outra, xa pola tarde, ás 19.30 horas, na Biblioteca Pública Juan Compañel (rúa de Joaquín Yáñez, núm.6).

No caso do campus de Pontevedra optouse pola Facultade de Belas Artes debido á súa situación estratéxica no centro da cidade, o que facilitará a asistencia do público pontevedrés que poida estar interesado neste tipo de cuestións. Neste caso participarán na mesa as investigadoras Lourdes Maceiras, do grupo de investigación en Medicina e Saúde Pública; Paula Rivas, do Laboratorio de Neurociencias, e Ana Rey, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte; e os investigadores Ricardo Beiras, do grupo de investigación de Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña, Ecotox; Manuel Sendón, da Facultade de Belas Artes; José Andrés Santiago, do grupo dx5 digital & graphic art research, e Adolfo Cordero, do grupo de investigación de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación, Ecoevo.

En Vigo a mesa de debate que se celebrará no campus estará moderada polo propio Ramallo e contará coa participación de Manuel Ángel Pombal, do grupo de investigación de Neurobioloxía de Lampreas, Neurolam; Anxo Mena, de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica, XM-1, e a directora do Laboratorio de Micoloxía, Marisa Castro. Xa pola tarde, na mesa que se vai levar a cabo no centro da cidade, participarán os investigadores Xavier Simón, do grupo de investigación Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia, GIEEAH; Alejandro Saavedra, do grupo de investigación de Inferencia Estatística, Decisión e Investigación Operativa, Sidor; Gustavo Bergantiños, do grupo de Economía, Sociedade e Territorio, Ecosot; e Xosé Manuel Pacho, en representación da Agrupación de Grupos de Investigación de Dereito Administrativo e Filosofía do Dereito, AGAF.

Participan 15 investigadoras e investigadores de distintos ámbitos

Son en total 15 investigadoras e investigadores de diferentes ámbitos e  grupos de investigación. “Fíxose unha convocatoria aberta a todos os grupos e a reacción foi moderada. Houbo equipos que desde o primeiro día apostaron por apoiar de maneira clara esta iniciativa e outros que preferiron colaborar noutras accións que tamén temos previstas”, recalca Ramallo, ao tempo que adiantou que, entre outras iniciativas, haberá exposicións e estanse a preparar guías didácticas para levar aos centros de ensino secundario. Ademais, o calendario que cada ano se distribúe dende a ANL xirará nesta ocasión en torno a esta temática.

“Unha necesidade social e tamén unha responsabilidade”

“A divulgación científica en galego é unha necesidade social e tamén unha responsabilidade institucional que debemos ter os investigadores e investigadoras universitarios cara á sociedade en xeral”, explica o responsable da ANL, quen recalca que estas mesas de debate servirán para abrir o debate de por que non se fai máis divulgación e por que a pouca divulgación que se fai, apenas se fai en galego. “Farémolo a través da testemuña de xente que está comprometida coa lingua, pero que na súa actividade investigadora non fai un uso maioritario do galego”, explica Ramallo, unha cuestión que, segundo a súa opinión, se debe a toda unha serie de lóxicas que practicamente obrigan a facer as publicacións científicas en inglés ou en castelán. “Hai un público interesado na divulgación científica en galego pero precísase aumentar os apoios Institucionais de cara a que eses posibles factores penalizadores queden reducidos”, recalcou.

 

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM