40 alumnas e alumnos de Bacharelato e Grao Superior de FP, galardoados cos Premios Extraordinarios aos mellores expedientes académicos

Trátase de 13 mulleres e 7 homes no caso de Bacharelato e 11 mulleres e 9 homes no caso das ensinanzas de Formación Profesional, que representan a excelencia do sistema educativo galego

Un total de 40 alumnas e alumnos de Bacharelato e de Grao Superior de Formación Profesional recibiron hoxe os Premios Extraordinarios cos que a Xunta de Galicia recoñece cada ano os mellores expedientes académicos nestas ensinanzas correspondentes ao pasado curso 2018-19.

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, que esta mañá presidiu o acto de entrega dos recoñecementos, avogou por “consolidar a cultura do esforzo, esa que trae da man a mellora da calidade educativa” que representan as e os estudantes galardoados, a quen expresou as súas felicitacións.

Carmen Pomar destacou a calidade da educación superior en Galicia, “un sistema de vasos comunicantes onde o alumnado que remata os ciclos formativos de grao superior ten acceso directo aos estudos universitarios relacionados coa profesión cursada; e onde o prestixio destes estudos no mercado de traballo fai que os estudantes da universidade elixan tamén cursar ciclos formativos de grao superior unha vez rematada a súa carreira”. Isto é, itinerarios formativos diferentes “pero cun obxectivo común: a inserción nun mercado laboral en constante e rápido cambio”, abondou.

A Consellería de Educación convoca cada ano estes galardóns co fin de recoñecer o esforzo, traballo e aproveitamento académico dos estudantes que rematan a etapa de Bacharelato ou de Grao Superior de FP nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, a razón de 20 premios por cada unha das modalidades destas ensinanzas; e enmárcanse dentro das diferentes accións que leva a cabo a Consellería para a posta en valor e fomento da excelencia dentro do sistema educativo galego.

No caso de Bacharelato, os galardoados foron 13 mulleres e 7 homes que, entre outros requisitos, obtiveron unha nota media igual ou superior a 8,75 puntos, e superaron unha proba específica para tal fin. Foron galardoados cun diploma acreditativo e un premio económico de 1.000 euros. O listado dos premiados pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.

No caso dos ciclos de Grao Superior de FP, os premios extraordinarios recaeron en 11 mulleres e 9 homes -todos eles cunha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,5 puntos-, que resultaron agasallados cun diploma acreditativo, 850 euros e o dereito a concorrer aos premios nacionais de formación profesional. O listado dos premiados pode consultarse no DOG.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM