A CIG convoca protestas tras unha nova morte no sector da automoción porque “a precariedade laboral mata”

Unha traballadora de Componentes faleceu en accidente laboral o pasado venres día 12

A CIG-Industria de Vigo convoca dúas concentracións este xoves para denunciar que “a precariedade laboral mata” e en lembranza da traballadora da automoción que faleceu o pasado venres 12 en accidente laboral nas instalacións da empresa Componentes de Vehículos de Galicia.

As protestas desenvolveranse este xoves 18 tanto diante da Inspección de Traballo en Vigo (10:00 horas) como da compañía no polígono porriñés das Gándaras (13:30 horas) para denunciar que a crecente precariedade que afecta o sector está a provocar o incremento dos accidentes laborais graves, mesmo con resultado de morte.

Dende a central sinalan que “os traballadores/as da automoción estamos de loito despois do falecemento en accidente laboral da nosa compañeira Nieves”, ao tempo que lembran que a morte desta empregada de Componentes aconteceu a mesma semana na que os cadros de persoal das empresas do naval realizaban un paro polo falecemento no seu posto de traballo doutro compañeiro.

“O número de mortes e accidentes laborais graves que sufrimos nos nosos postos de traballo non paran de medrar, rexistrando números inadmisibles que supoñen unha vergoña e deixan ben ás claras o nulo interese da Administración por acabar con esta pandemia dos accidentes laborais”.

Neste senso, fan fincapé en que Galiza é a comunidade con maior índice de sinistralidade e mortaldade do Estado, e isto sucede nunha comunidade autónoma onde as competencias de saúde e prevención laboral están transferidas. “Mais á Xunta de Feijóo impórtalle tan pouco o que nos suceda á clase traballadora que nin tan sequera existe unha Consellería de Traballo no seu goberno”.

Ao mesmo tempo, engaden que no sector da automoción os ritmos de traballo non paran de incrementarse, aumentando as lesións nos postos de traballo e as enfermidades laborais que na maioría dos casos non están recoñecidas pola empresa “coa inestimable axuda” da Administración.

Reformas laborais

Finalmente, poñen o acento sobre as reformas laborais aprobadas polo PSOE e o PP nos anos 2010 e 2012, que provocaron un aumento do número de traballadores/as precarios/as, tamén no sector do automóbil.

“Cun crecemento dos compañeiros de ETT nos cadros de persoal das empresas principais, pero tamén co aumento de servizos externalizados con diferentes formas de explotación laboral como as empresas multiservizos, falsos/as autónomos/as ou Centros Especiais de Emprego, que se caracterizan por salarios de miseria, xornadas desreguladas, horas extras non retribuídas e falta total de dereitos laborais”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM