A CIG demanda a derrogación da reforma laboral e un plan galego de emprego e industrialización para crear empregos dignos

A EPA contabiliza 32.600 persoas ocupadas menos con respecto ao trimestre anterior

A Enquisa de Poboación Activa do segundo trimestre contabiliza 32.600 persoas ocupadas menos con respecto ao período anterior cando ao mesmo tempo recolle que o número de persoas paradas descendeu en 14.000. Esta disparidade revela até que punto hai que tomar con cautela os datos deste trimestre, tendo en conta que engloba o período máis irregular no mercado de traballo xerado pola Covid-19, tanto no que respecta á realización das entrevistas como á súa repercusión nas variábeis medidas pola EPA.

Non cómpre perder de vista que esta EPA non contabiliza como persoas paradas ás que quedaron sen traballo durante este tempo e que non puideron iniciar, por exemplo, unha busca activa de emprego, xa que segundo a metodoloxía utilizada, este é un dos requisitos para ser considerada persoa en paro. Deste xeito, miles de traballadores e traballadoras pasar a seren consideras persoas inactivas cando na realidade son “desempregados e desempregadas”.

E ao igual que vén acontecendo co paro rexistrado, a enquisa tampouco contabiliza como paradas as traballadoras e traballadores en situación de ERTE, que en Galiza sumaron neste período máis de 200.000 persoas.

Inxustas e ineficaces políticas

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, coas cautelas que require a avaliación desta EPA, confírmase o fracaso e a ineficacia “das inxustas políticas económicas e laborais que está aplicando o Goberno español que teñen o seu fundamento na reforma laboral, tanto na versión imposta polo PP en 2012 como na actualización desta conforme aos acordos sociais pactados con motivo da emerxencia sanitaria da Covid19”.

Subliña que calquera alternativa para encetar a recuperación e a creación de postos de traballo e garantir uns ingresos salariais dignos pasa pola derrogación da reforma laboral e pola adopción con urxencia dun plan de emprego e de industrialización en Galiza “que reverta o desmantelamento do tecido produtivo e que dea resposta as todas as ameazas derivadas do proceso de descarbonización da economía”.

Neste senso, Paulo Carril tamén denuncia a inacción da Xunta ante a grave crise industrial, social e demográfica que xa tiñamos en Galiza antes da pandemia “e que día a día se agrava un pouco máis”.  Apunta ao regueiro de peches de empresas que está deixando o proceso de transición enerxética, que “nin é xusto nin é galego”, sen que se ofrezan solucións nin alternativas que garantan a reindustrialización e a creación de emprego na nosa terra.

E a este respecto, advirte de necesidade urxente de mudar as políticas porque “sen a derrogación da reforma laboral e tendo en conta os anuncios de novas reformas que esixe Europa para acceder ao fondo de reconstrución, camiños directos a afondar na precariedade e na pobreza laboral”.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario