A Consellería de Educación incorporará 30 centros públicos ao programa Radio na Biblio

Ademais os 50 centros xa integrados na iniciativa poderán solicitar a súa renovación

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de abrir a convocatoria para que un total de 30 centros públicos se incorporen no curso 2019/20 ao programa Radio na Biblio, que ten como obxectivo impulsar a creación de emisoras ou laboratorios radiofónicos no contexto da biblioteca escolar.

Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares, que conta entre os seus desafíos o de favorecer a alfabetización múltiple do alumnado a través da creación nas bibliotecas de espazos que funcionen como centros creativos de aprendizaxe. Neles debe traballarse con diferentes recursos e materiais que permitan traballar a expresión escrita e oral ou linguaxes como a radiofónica. Desde eles poderán desenvolverse proxectos colaborativos conectados con diferentes áreas do currículo escolar, vinculados á educación para as competencias en información e medios.

Neste sentido a posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento das competencias clave a través de metodoloxías activas, así como para a alfabetización informacional. De feito, a experiencia dos 50 centros que xa participan en Radio na Biblio demostrou que a radio constitúe unha ferramenta pedagóxica de grande alcance que permite, ademais, darlle a coñecer ao resto da comunidade educativa os proxectos e traballos que se realizan no centro.

Poderán participar na convocatoria os centros públicos de infantil, primaria, ESO, bacharelato ou FP integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). A persoa responsable da biblioteca deberá coordinar e garantir a integración da iniciativa no centro. Os seleccionados recibirán fondos para a posta en marcha dun laboratorio de radio. Para iso contarán co apoio da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería, que orientará o seu desenvolvemento e porá á súa disposición recursos e propostas.

Así mesmo, os 50 centros que xa participan en Radio na Biblio deberán solicitar, se así o desexan, a súa continuidade no programa. Neste caso, recibirán unha asignación de 500 euros por centro para a realización de obradoiros de formación específica para o funcionamento da emisora ou ben de lectura expresiva ou de mellora da expresión oral.

O prazo para a presentación de solicitudes está aberto ata o 30 de setembro e estas deberán remitirse mediante o formulario correspondente aloxado na páxina de Bibliotecas Escolares de Galicia.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM