A Deputación de Pontevedra convoca unha nova edición dos cursos de español para persoas inmigrantes, que se desenvolverán en Pontevedra e Vigo

A institución provincial volverá realizar tres cursos, dous en maio e un en setembro, dirixidos a que os e as participantes poidan superar o exame DELE A2, requisito indispensable para que logo poidan obter a nacionalidade española

A Deputación de Pontevedra acaba de convocar unha nova edición, a cuarta, dos cursos de español para inmigrantes, unha actividade formativa que está dirixida a que as persoas participantes poidan superar o exame DELE A2 expedido polo Instituto Cervantes, unha proba que é requisito indispensable para que poidan solicitar logo a nacionalidade española.

Esta proba require unha preparación previa e ten un custo económico que dificultan o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación, o que complica o seu proceso de integración na provincia como cidadanía de pleno dereito e favorece procesos de exclusión social. Por esta razón, a Deputación decidiu hai tres anos poñer en marcha estas actividades formativas, nas que se subvenciona o custo da formación e tamén o da matrícula no DELE A2. Deste xeito, se da apoio á consecución desta titulación a poboación de países ou territorios non hispanofalantes e se promove a súa integración. Nas tres edicións anteriores, os cursos tiveron un total de 180 participantes.

A nova convocatoria prevé o desenvolvemento de tres cursos, dous en Vigo e un en Pontevedra, que terán lugar nos meses de maio e setembro e para os que existen 55 prazas en total. As persoas destinatarias son inmigrantes en situación administrativa regular, maiores de 16 anos, que precisen superar o exame DELE A2 para a obtención da nacionalidade española.

Do 18 ao 29 de maio se desenvolverán de xeito simultáneo os dous primeiros cursos, un no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra e outro nas oficinas da Deputación en Vigo. Estes cursos, que terán ademais sesións de repaso do 7 ao 10 de setembro, teñen 40 horas de duración e vinte prazas cada uno. O terceiro dos cursos terá lugar na cidade olívica, na mesma sede da Deputación, do 14 ao 25 de setembro (os días de repaso son do 9 ao 12 de novembro), con 15 prazas.

Os cursos estarán impartidos por persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo e, tras finalizar o período de formación, o alumnado examinarase da proba DELE A2 o 11 de setembro (no caso das persoas que os realizaron en maio) e o 14 de novembro en Vigo.

As solicitudes para participar nestas actividades deberán presentarse no rexistro xeral da Deputación, en calquera das súas oficinas e no rexistro electrónico (sede.depo.gal). O prazo para a presentación de solicitudes será do 4 ao 25 de marzo.

No pasado 2019, o 87,8 % do alumnado que realizou estes cursos de español aprobou o exame do DELE A2, un dato que a institución provincial considera moi positivo, sobre todo ao ter en conta que as persoas que se presentan a estas actividades teñen que compatibilizar a formación e os estudos co seu traballo ou as súas cargas familiares, para as que non teñen apoio.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM