A Deputación de Pontevedra e a Fundación Marco dánse a mán para impulsar a visibilización da muller no campo das artes

O convenio, dotado con 50.000 euros, enmárcase no compromiso coa cultura e a igualdade cara á presenza das mulleres artistas na programación do Museo

A Deputación de Pontevedra vén de asinar o convenio de colaboración coa Fundación MARCO de Vigo para potenciar a igualdade e a visibilidade de muller no ámbito das artes. Este convenio está dotado con 50.000 euros e procurará sufragar gastos de produción de exposicións, programación de conferencias, textos e visitas guiadas e a adquisición de obras. No acto de sinatura interviñeron a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, e o presidente da Fundación MARCO e alcalde de Vigo, Abel Caballero.

“Temos que visibilizar as mulleres na arte, facer que pasen da súa calidade recoñecida a que sexa coñecida polo conxunto da cidadanía”, expuxo Carmela Silva despois da firma do acordo. Ademais, a presidenta provincial engadiu que “fai xa moito tempo que a Deputación de Pontevedra non participaba activamente neste museo, que é unha grande referencia, non só de Vigo, senón de Pontevedra e toda Galicia”. Respecto ao convenio, “vai permitir que o marco teña máis actividade da que xa ten programada”.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo tamén fixo fincapé á relevancia deste convenio. “Hoxe prodúcese a reincorporación da Deputación á mobilización cultural do MARCO de forma directa. Falamos dunha nova dimensión da cooperación entre ambas institucións porque estes tempos que vivimos son tempos de acordos”. “Esta firma, dixo Abel Caballero, sería imposible hai seis anos porque a Deputación non tiña presenza nesta cidade”.

O convenio de promoción da muller na arte reflicte o compromiso que a Deputación de Pontevedra e a Fundación MARCO manteñen coa cultura, a igualdade e a pluralidade. Esta sintonía, que xa permitiu en casos puntuais a colaboración en actividades organizadas pola administración provincial, chega agora a un novo estado para promocionar autoras do talle de Yolanda Herranz, Celeste Garrido, Berta Cáccamo ou Sofía Madrigal.

En concreto, as accións que permitirá desenvolver este convenio serán a edición e produción de exposicións de  Yolanda Herranz e Celeste Garrido; deseño, maquetaxe, edición e impresión das publicacións dedicadas a estas dúas autoras; a adquisición da obra de Sofía Madrigal e  Berta Cáccamo; e a posta en marcha de conferencias, textos e visitas relacionadas coas exposicións.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM