A Deputación inicia os traballos de recuperación do muíño de auga do Castelo de Soutomaior

A institución provincial Investirá preto de 10.000 euros en acondicionalo para a súa posta en funcionamento

A Deputación de Pontevedra segue a dar pasos para afianzar o posicionamento do Castelo de Soutomaior como un dos grandes focos de atracción turística da provincia e Galicia. Neste caso, vén de aprobar a posta en marcha dun novo contrato para a reparación do muíño de auga do Castelo, datado na década dos oitenta do século pasado, para acondicionalo e conseguir volver a poñelo en funcionamento.

Máis polo miúdo, as obras contemplan a reparación, elaboración ou substitución de pezas, así como os tratamentos necesarios para o acondicionamento do muíño e a súa posta en marcha. Así, vaise reparar o rodicio, repoñendo tres aspas novas e colocando un eixo de forxa. Tamén recuperarase a viga de apoio do rodicio que regula a altura e realizarase unha nova vara de regulación da moa en forxa ou aceiro inoxidable. Amais repoñeranse pezas necesarias do tarabelo en madeira nova con tratamento antixilófago e de cera de abella natural e, finalmente, realizaranse actuacións para separar o caudal do muíño.

O muíño, situado ao pe da pista de terra que da servizo á capela e que conduce ata a “cadeira da Marquesa”, estaba destinado ao aproveitamento hidráulico da auga. Coa reparación que vai acometer estes meses a Deputación de Pontevedra prevese solucionar os problemas orixinados polo paso do tempo para recuperar un elemento máis, propio da arquitectura popular galega, no castelo de Soutomaior.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM