O CAAN da Deputación rescatou dúas camadas cun total de 12 cachorros nun prazo de dous días en Caldas de Reis e O Porriño

Os animais, que teñen só días, recupéranse agora xunto ás súas nais na zona de maternidade das instalacións do centro da Armenteira

Aínda que o número de recollidas de animais que realiza o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra nos 50 concellos adheridos ao servizo vai acumulando unha tendencia descendente nos últimos anos, a loita pola erradicación do abandono animal segue a ser unha prioridade. En tan só dos días persoal do Centro de Acollida rescatou a un total de 12 cachorros, pertencentes a dúas camadas, nos concellos de Caldas de Reis e O Porriño. As crías teñen só días e recupéranse agora na zona de maternidade das instalacións da Armenteira.

A primeira das camadas foi recollida no concello de Caldas o martes 26 de xaneiro e o persoal do CAAN calcula que naceu o día anterior. Foi rescatada a nai, “Lina”, e cinco cachorros, tres femias (“Ana”, “Cris” e “Cristi”) e dous machos (“Mel” e “Danilo”), que estaban abandonados. Todos eles están a evolucionar favorablemente no centro e están sendo aleitados pola nai.

O xoves 28, no Porriño, o CAAN recolleu a outra cadela, “Sara”, cunha camada máis numerosa, neste caso de sete cans e cadelas que tamén se cre que naceron o día anterior. Trátase de cinco femias (“Xiana”, “Sarita”, “Carmen”, “Celtia” e “Noa”) e dous machos (“Camilo” e “Xacobo”), que tamén están a evolucionar ben, vixiados polo persoal do centro. Ambas camadas recibirán os coidados necesarios no CAAN ata que podan saír en adopción. Neste senso, hai que lembrar que os animais non abandonan o centro ata ter completado o seu cadro de vacinacións.

Fronte ao problema do abandono, hai que destacar tamén datos positivos como que, a pesar das restricións derivadas da pandemia, o CAAN da Deputación xa conseguiu no que vai de ano acadar preto de 40 adopcións.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM