A iniciativa de apoio ás vítimas de violencia de xénero ‘Percorrido á Liberdade’ inaugura o programa de actos organizados por Igualdade con motivo do 25N

Entre as actividades previstas inclúese a adhesión á campaña Pontevedra en Negro, a entrega dos Premios Ernestina Otero, un monólogo de Baia Fernández e o pase da obra As Pementeiras

A campaña ‘Percorrido á Liberdade’, destinada a axudar ás vítimas de violencia de xénero a coñecer o itinerario cos pasos que deben seguir cando se denuncian casos de agresión ou abuso, inaugurará o programa de actividades deseñado pola Concellería de Igualdade con motivo do 25N, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. O proxecto, que se porá en marcha o luns 11 de novembro, contempla a instalación de publicidade en mupis e o reparto de carteis e folletos informativos en centros de saúde, hospitais, comercios, centros sociais e outros edificios públicos.

As actividades foron presentadas no Concello pola concelleira de Igualdade, a socialista Paloma Castro, acompañada pola directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos, e a axente de igualdade do CIM Mercedes Renda. O programa terá continuidade o día 14 de novembro pola mañá no Teatro Principal, que será escenario dun monólogo protagonizado pola escritora e actriz Baia Fernández e do acto de entrega dos Premios Ernestina Otero, cos que se pretende galardoar os mellores proxectos a prol da igualdade desenvolvidos polos centros de Educación Infantil e Primaria e Educación Secundaria do municipio (hai dúas categorías). O evento é de carácter gratuíto e está destinado ao alumnado de colexios e institutos.

Segundo explicou Paloma Castro, o Concello de Pontevedra tamén se adheriu á campaña ‘En Negro Contra as Violencias’, baixo o lema ‘Pontevedra en Negro’, que comezará a facerse visible a partires do 18 de novembro mediante o reparto de carteis, camisetas e mandís, así como doutro material divulgativo, entre comercios, establecementos de hostalería e centros educativos. No marco da mesma, presentarase unha unidade didáctica de prevención da violencia de xénero baseada no libro Invisibles e, entre o 19 e o 25 de novembro, desplegarase unha pancarta na Casa Consistorial.

Para o día 21 de novembro está prevista a presentación dunha exposición fotográfica baixo o título ‘Desmontando o amor romántico’, na que participan diversas artistas galegas e que terá un carácter itinerante (por institutos, parroquias, centros culturais…), cunha instalación inicial na contorna Ferrería. O 23 de novembro ás 21.00 horas celebrarase no Teatro Principal un pase da obra teatral As Pementeiras, aberta ao público en xeral e con entrada de balde ata completar aforo.

A Praza da Ferrería acollerá o acto central organizado para o 25 de novembro, no que se pretende implicar aos estudantes dos centros educativos de Pontevedra. Tal e como indicou Paloma Castro, o programa pecharase o sábado 30 de novembro na Sala Almofrei da Casa Azul coa celebración dun curso de autodefensa con prazas limitadas para mulleres de tódalas idades: “As interesadas poden inscribirse dende hoxe mesmo a través do teléfono 986 86 48 25 ou do email igualdade@pontevedra.eu. Estará impartido por especialistas da Federación Galega de Loita e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”.

Protocolo de coordinación contra agresións e abusos sexuais

A concelleira de Igualdade e a directora do CIM lembraron que a Mesa da Violencia Contra a Muller do Concello está a avanzar no deseño dun protocolo que permita unha coordinación coa Policía e cos profesionais que traballan nos centros sanitarios á hora de atender os casos de abusos ou agresións sexuais. Rosa Campos asegurou que as técnicas do CIM están a notar “un incremento importante do número de mulleres que son vítimas de violencia”, en especial neste contexto “no que se están a difundir mensaxes que empoderan aos maltratadores”. “No CIM estamos saturadas de denuncias de mulleres de tódalas condicións: xóvenes, adultas, traballando, en paro…”, constatou.

Na súa opinión, aínda que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado están a dar unha boa resposta, “a Xustiza é a pata que coxea”, xa que “centra a violencia de xénero nun feito probado e, polo tanto, desnaturaliza esa violencia”. Campos considera que os Xulgados “non están a dar respostas axeitadas á violencia de xénero” e que os menores “seguen a ser invisibles, xa que, se ben son vítimas de violencia en base á lei, non teñen dereitos: os seus pais seguen tendo acceso a visitas, aínda cando as nais denuncian que teñen medo e nin sequera existe un seguemento das mesmas”.

Por outra banda, trala campaña audiovisual realizada durante as festas para previr as agresións e abusos sexuais, Paloma Castro avanzou que a Concellería de Igualdade impulsará a proxección dun novo vídeo enfocado á xuventude, “neste caso, para poñerlle freo ás violacións que se producen en citas”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM