A Mesa participa hoxe en Bruxelas no Foro Rexional Europeo das Minorías, organizado pola ONU

A directora de Abertos ao galego, Celia Armas, participa hoxe en Bruxelas en representación da Mesa pola Normalización Lingüística no Foro Rexional Europeo para as Minorías organizado pola ONU baixo o título Educación, Linguas e os Dereitos Humanos das Minorías. Previamente, onte pola tarde, Armas participou tamén nunha reunión do comité da Rede Europea para a Igualdade das Linguas – ELEN.

“Os dereitos das minorías lingüísticas son dereitos humanos que teñen que ser respectados, incluíndo un grao apropiado de uso”, recorda a Organización das Nacións Unidas na convocatoria do Foro, “A educación é probabelmente o dereito lingüístico central das minorías e é tamén fundamental para o mantemento da diversidade lingüística. Unha lingua que non é aprendida, acabará esvaecendo”. “Os beneficios da educación na lingua nai están hoxe suficientemente demostrados por estudos científicos en diferentes países do mundo”, engaden.

O relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Fernand de Varennes, xa recollera o pasado mes de xaneiro no seu informe preliminar algunha das evidencias de vulneracións de dereitos lingüísticos que lle presentara a Mesa, salientando que “as minorías lingüísticas teñen dereito a usar o seu idioma nas súas interaccións coas autoridades e institucións estatais” e incidindo en que “isto segue sen cumprirse nalgunhas rexións”.

O relator recordaba, explicitamente, no seu informe que -tal e como vén denunciando a Mesa en innúmeras ocasións- “disposicións como o artigo 231 da Lei orgánica do poder xudicial son un obstáculo importante para o cumprimento por parte de España das súas obrigas internacionais en relación co uso cooficial das linguas minoritarias, xa que estipula que nos procedementos xudiciais, os xuíces, maxistrados, fiscais, secretarios e outros funcionarios utilizarán a lingua castelá e que as linguas minoritarias cooficiais só se permitirán se ningunha das partes se opón. Isto, na práctica, levou a que en moitos, se non na maioría dos casos, as autoridades xudiciais penais, civís e administrativas non permitan os procedementos en comunidades autónomas na lingua minoritaria cooficial, mesmo se o solicita unha parte”. “Este obstáculo xeral para o uso dun idioma cooficial minoritario”, afirma De Varennes, “xera preocupacións en canto ao cumprimento das obrigas internacionais de dereitos humanos que se detallarán no informe final”.

Ligazóns de interese: Información sobre o Foro (en inglés) | Primeiras impresións do relator trala súa visita ao Estado (en inglés)

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM