A rehabilitación integral do CEIP de Prácticas (Ourense) permitirá un aforro enerxético do 22,6%

Os traballos comezarán a executarse a mediados do mes de xullo

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o CEIP de Prácticas, na cidade das Burgas, para o que o pasado venres se licitou na plataforma Contratos de Galicia unha obra de rehabilitación integral que permitirá un aforro enerxético do 22,6 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 21,2 % en emisións de CO2.

Durante a súa visita a conselleira tivo a oportunidade de coñecer as iniciativas que está a desenvolver este centro ourensán e agradeceu a implicación da comunidade educativa no día a día do colexio. Neste sentido, salientou que nunha educación de calidade é imprescindible non só o traballo dos docentes e os equipos directivos, senón tamén o apoio das familias.

Así mesmo expúxose o cronograma das obras, que está previsto que comecen a mediados do mes de xullo e se realicen no verán na súa meirande parte para interferir o menos posible na actividade lectiva. O orzamento de licitación desta actuación ascende a 1.054.797,06 euros. Con eles acometeranse traballos para a mellora da eficiencia enerxética, en concreto o illamento das fachadas dos seus dous edificios, a colocación de panel sándwich na cuberta do edificio principal e de illamento térmico na cara superior do forxado do baixo cuberta, a instalación de novas persianas na planta baixa e a substitución de luminarias por unhas novas de alta eficiencia enerxética con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza en corredores e aseos.

Ademais colocaranse ventás de vélux no faldón da cuberta, cubriranse tres patios interiores, limparase a fachada, instalaranse falsos teitos acústicos nas aulas, mudarase a carpintería interior da segunda planta, pintarase o interior de todo o centro e pulirase o pavimento de terrazo. Así mesmo faranse uns aseos infantís na planta baixa e cambiarase a valla de separación co IES 12 de Outubro.

O obxectivo das actuacións de rehabilitación integral é a posta a punto dos centros máis antigos do sistema. Deste xeito, desde as unidades técnicas provinciais escolleuse, en base a criterios exclusivamente técnicos, centros de ensino construídos entre 1970 e 1985, que presentaban necesidades de mellora enerxética e funcional e cun número de alumnas e alumnos, en xeral superior a 150.

Na súa visita ao centro Carmen Pomar estivo acompañada pola delegada da Xunta na provincia de Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e polo alcalde da cidade, Jesús Vázquez Abad.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM