A secretaría da muller da CIG-Vigo convoca unha nova edición de formación en igualdade

Os obradoiros comezarán o 19 de setembro e abordan empoderamento, igualdade e violencia de xénero

A edición de 2018 da formación en igualdade que organiza a secretaría da muller da CIG de Vigo constará de cinco obradoiros agrupados sobre o título “Empoderamento das mulleres. Promoción da Igualdade. Ferramentas para previr a violencia de xénero” e require de inscrición previa. Desde o departamento convidan a participar nas mesmas, incidindo na formación como mecanismo fundamental de cara a erradicar as desigualdades e eliminar os estereotipos e as violencias machistas.

A finalidade desta actividade, segundo indican, é a da concienciación social sobre a importancia da igualdade real, analizando a contorna, así como indicar pautas para detectar as desigualdades e combatelas “para que todas e todos formemos parte activa na promoción da igualdade real”.

Destacan, ademais, o forte compromiso da CIG-Comarca de Vigo cunha acción formativa enigualdade que nos últimos anos deu “moi bos resultados”, e que contempla alén dos obradoiros a formación continua mediante o clube de lectura feminista.

Para anotarse nas xornadas é preciso chamar ao 986 817 900 ou enviar un correo a empoderamentodasmulleres2018@gmail.com.

PROGRAMA:

“O uso dunha linguaxe inclusiva”

19/09/2018 (10:00 a 13:00 hs)

A linguaxe focaliza no masculino invisibilizando o 52% da poboación. Neste obradoiro traballaremos como mellorar a nosa comunicación desde un enfoque non sexista. A lingua non é sexista, pero si o é o uso que dela facemos. Faremos exercicios prácticos para facilitar o uso dunha linguaxe inclusiva.

“Os roles de xénero”

03/10/2018 (10:00 a 13:00 hs)

Desde a nosa infancia as persoas somos socializadas en base ao xénero que se nos asigna. Neste obradoiro analizaremos con visión crítica a natureza e as influencias dos roles de xénero impostos nas nosas vidas cotiás. Teremos unha parte práctica na propia aula e un exercicio no exterior.

“Como erradicar os micromachismos”

10/10/2018 (10:00 a 13:00 hs)

Na sociedade actual as formas perceptibles de machismo comezan a ser denunciadas, mentres que as máis subtís ou imperceptibles son dificilmente detectables. Neste obradoiro traballaremos os mecanismos para detectar e eliminar os chamados micromachismos facendo exercicios prácticos entre todas e todos.

“Xestión emocional, autoestima”

07/11/2018 (10:00 a 13:00 hs)

Cando se fala de igualdade, sempre se focaliza a atención na sociedade, pero non na loita interna que debemos enfrontar as mulleres para empoderarnos. Neste obradoiro traballaremos o autocoñecemento e as estratexias que podemos seguir para mellorar o noso autoconcepto. Faremos exercicios prácticos.

“A violencia de xénero centrada no traballo sindical”

14/11/2018 (10:00 a 13:00 hs)

Daremos as ferramentas precisas para detectar as diferentes formas de violencia e pautas para a súa prevención. Fortaleceremos as mulleres para que prioricen sobre as colectividades, único xeito de loitar dunha forma contundente contra as desigualdades do patriarcado. Faremos exercicios prácticos.

A formación en igualdade 2018 a realizar pola Secretaría da Muller da CIG-Comarca de Vigo conta co apoio da Concellaría de Igualdade do Concello de Vigo.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM